Vimos de aprobar este xoves os orzamentos, unha cuestión imprescindible para que A Coruña avance, un paso importantísimo para poñer a funcionar a máquina e que este goberno progresista dea exemplo do que se ten que facer.
O acordo acadado entre as forzas que formamos parte desta Corporación permitirá darlle luz verde a proxectos enquistados na cidade desde hai tempo. Esta actitude dialogante e decidida é a axeitada se queremos o ben da veciñanza e se situamos a esta por riba de intereses partidistas.
As contas están partilladas con prudencia, pero con firmeza xa que apostan polo gasto social e por darlle un impulso económico aportando os medios necesarios para medrar.
Se nos aliamos a unha austeridade rotunda, non lograremos quitarlle o tapón que afoga á cidade e que non lle permite progresar no económico. Hai que mollarse con responsabilidade e neste senso, sabemos que hai unha base produtiva importante cunha cifra de exportacións significativa e cunha presenza de empresas punteiras, pero somos coñecedores tamén das dificultades que existen para crear emprego e do estancamento de salarios.
Os orzamentos aprobados para 2020 puxan polo benestar social fortalecendo políticas que funcionan como o Servizo de Axuda no Fogar e a emerxencia e renda sociais, que superarán os 2,4 millóns de euros no seu conxunto. Pero iremos máis alá e crearemos novas prestacións como un servizo de lavandería a domicilio pensado para persoas maiores de 80 anos, e dos que se beneficiarán unha 200 persoas.
Trataremos de combater a soidade traballando man a man coas entidades que conforman o tecido social da cidade e poñeremos en marcha un Plan de Inclusión Social. Para a cativada con necesidades especiais, aumentaremos a contía destinada aos campamentos que garanta a existencia de persoas coidadoras e potenciarase o servizo de canguraxe.
En canto á xeración de emprego, contemplamos distintas medidas como a creación dun Consello Económico e Social, a elaboración dun plan de desenvolvemento económico para a comarca coruñesa e un segundo de dinamización do comercio xunto a un estudo para avaliar a posta en marcha dunha bolsa de baixos comerciais en réxime de aluguer.
Tamén se reforzarán as políticas orientadas a garantir o dereito á vivenda, mediante o impulso á rehabilitación e eficiencia enerxética e a creación dunha bolsa de vivenda en aluguer, para a cal se dispón de 450.000 euros neste ano 2020.
En definitiva, as partidas recollen basicamente os ingresos cos que pode contar a facenda municipal e no referente aos gastos, están incluídos os compromisos que afectan ao funcionamento do concello, tanto en materia de persoal, como obrigas financeiras ou contratos en vigor. Nelas reflíctese tamén a participación da cidadanía e os proxectos e políticas propostas polos distintos grupos políticos e que aceptaron a oferta de colaborar co goberno municipal en beneficio dos coruñeses e coruñesas e tras un proceso de negociación e cesións recíprocas.
O resultado é un documento económico que marca a liña de traballo para o próximo exercicio, dentro dunha programación máis ambiciosa e que, en moitos casos, marcará os catro anos do mandato. O Concello retoma o protagonismo da sociedade coruñesa coa idea de traballar para unha colectividade ampla que non finaliza nos lindes do termo municipal senón que ten en conta a realidade metropolitana e a da comunidade autónoma.