Partimos dunha excusatio non petita anunciada, no caso da regularización fiscal do Rei Emérito, para poder concluír cunha evidente acusatio manifesta á que chegamos pola vía dos feitos. Don Juan Carlos está triste e non pode xa coa soidade dese exilio dourado no que vive, voluntariamente, dende o agosto pasado. Semella que vai ser certo aquilo de que os ricos tamén choran. O que é evidente e que non todxs choramos polas mesmas cousas. Hai termos como exemplaridade, transparencia ou humildade que deberan terse conxugado preventivamente, e evitar así esa hemorraxia de descrédito e perda de relevancia da súa figura, que nos últimos tempos está a ser notoria e evidente. A pesar das cousas de Ayuso, e das súas admiracións e adhesións inquebrantables, todxs somos iguais ante a lei, e corresponde á Fiscalía determinar e dirimir as actuacións a seguir, tanto neste caso coma en calquera outro. E así podemos celebrar éxitos como que, felizmente, o Pazo de Meirás regresa ao Patrimonio do Estado. E con el retorna ao público moitas obras que pertencían a distintos Museos estatais e outros organismos de onde saíron con aleivosía e nocturnidade. É un éxito colectivo, pero dalgúns máis que doutros. Feijoo e o PP votaron en contra desta iniciativa no Parlamento de Galicia nalgunhas fases deste proceso. Polo que non debe arrogarse, como o está a facer, o éxito desta misión. Sumar é moito mellor que dividir. E sobre todo facer pedagoxía e asentar na sociedade a idea de que ante os abusos cometidos, a Xustiza pode tardar anos ou décadas, pero sempre acaba por chegar para poñer as cousas no seu sitio.
O amencer ten a devoción redonda dunha ermida -dixo El- a mensaxe cálida dun pensamento contigo e ese afecto incesante a pesar dos invernos. Pensarte ten a maxia das vidas imposibles...