Aínda con esa certa melancolía invasiva dos tempos que se van, e a pesar da dureza e da gravidade deste ano saínte, que será tristemente lembrado para sempre, empezamos a desembalar este ano 2021 que chega coa misión de facernos un pouco máis felices. Queda no corazón a sensación de desamparo ante unha natureza que amosou a súa cara máis hostil e a convicción de que somos moito máis vulnerables do que pensabamos ser. Tamén comprobamos a fraxilidade dos sistemas que críamos capaces e perfectos. Máis de 50.000 falecidos, persoas con nomes e apelidos, con vidas e soños e unha historia detrás e que moitas delas, formaron parte, e seguirán formando parte, das nosas comunidades de afectos. Un ano onde algunha que outra miseria moral asomou para tentar sacar tallada económica ou política ante unha situación dramática. Unha loita contra algo descoñecido que por momentos, tivo aos sistemas sanitarios desbordados e aos gobernos de todo o mundo contra as cordas. Descubrimos que houbo grupos políticos que non estiveron onde había que estar, axudando e pechando filas ante o drama de todo un pais. E que buscaron a banalización absoluta do urxente e do prioritario, quedándose na superficialidade das fotos, na indignidade de esquivar as obrigas, nas palabras baleiras de compromisos e coa única aportación da instalación indiscriminada de bandeiras en todos os espazos. Pero recuperamos a confianza nunha sociedade que escoita, comprende e colabora para poder superar unha situación de crise que implica ao pais enteiro, dando unha lección de seriedade, exemplaridade e rigor. Foise o 2020, un pésimo ano, pero as prioridades e as medidas de prevención continuarán algún tempo. Tamén os que banalizan o importante, seguirán estando aí.
Vivir é valorar a importancia de saberte -dixo El- de aprender a maxia de esperarte ou descubrirte reflexada en cada liña, ou en cada punto e seguido de vivirte...