A Galicia que queremos

Aquelas que traballamos no nivel municipal, o máis achegado á cidadanía, contamos con moitas certezas, entre elas a de saber que a reválida nas urnas sempre será na mesma data e que o mandato, para ben ou para mal, durará catro anos completos, á conclusión dos cales a democracia ditará sentenza. Non existe ningún tipo de dúbida nin podemos xogar co calendario ao albur dos nosos intereses. 

No chanzo autonómico é distinto. O presidente da Xunta conta coa potestade exclusiva para chamar ás urnas segundo o su único criterio. Así o recoñece a lexislación. E, en base a ese dereito, Alberto Núñez Feijóo vén de disolver o Parlamento e convocar eleccións galegas o 5 de abril. Aínda que quizais o máis correcto sería dicir que foi Íñigo Urkullu, o lehendakari vasco, o que decidiu a data na que os galegos e galegas acudiremos ás urnas, xa que o noso presidente limitouse a facer seguidismo del, unha forma bastante peculiar de entender a autonomía, a verdade.

Pero xa non hai volta atrás. O próximo 5 de abril, Galicia elixe o seu Parlamento e, polo tanto, decide o seu futuro goberno. Pase o que pase, como alcaldesa da Coruña estarei disposta á colaboración coa Xunta de Galicia digan o que digan as urnas. Esa é a miña obriga e o meu compromiso coa cidade. Dixen ao chegar a María Pita que deixaba atrás todas esas batallas partidistas inanes que protagonizaron os últimos anos de relación entre Xunta e Concello. Que había que poñerse a traballar en común a favor das persoas, e así o estamos facendo. 

Grazas a esta actitude, comezamos a desatascar importantes cuestións sanitarias ou de infraestruturas. Seguiremos nesa liña, a da lealdade institucional combinada coa firmeza á hora de defender o que A Coruña merece.

Pero a miña vocación de alcaldesa de todos e todas nunca pode ocultar cal é a miña ideoloxía. Pertenzo ao PSOE desde os 18 anos, polo tanto, o meu candidato á Xunta chámase Gonzalo Caballero. 

Teño o orgullo de formar parte, xunto a el e a centos de compañeiros e compañeiras, do partido que impulsou a Sanidade e a Educación Pública, as políticas de tolerancia e convivencia, que fixo de España unha referencia europea e que, na Coruña, creou un modelo de cidade marcado polos equipamientos nos barrios, a riqueza cultural, os Museos Científicos ou o Paseo Marítimo. 

Por iso, creo que, como está ocorrendo no goberno central e no municipal, é o momento de que o PSOE desenvolva tamén desde a Xunta de Galicia a súa aposta pola reactivación e a prosperidade, con visión feminista e sostible. Xa toca. Será para ben. 

A Galicia que queremos

Te puede interesar