Ás veces semellara que importase máis o ruído que as noces. E aínda sendo unha táctica mediática de primeira orde - vella como comer coas mans- que sempre axudou a colocar no medio todo tipo de mensaxes, sen que veñan ou non a conto, amosa unha clara intencionalidade que pretende restar importancia ao acadado. Porque o lexislativo segue funcionando e aprobando leis, ou iniciando as súas tramitacións con éxito evidente. E ademais, fano dende un goberno de coalición e dunhas maiorías parlamentarias traballadas voto a voto. Cando algo é aprobado por maioría absoluta, non pode titularse que é unha maioría absoluta escasa. A non ser que o pretendido sexa outra cousa. É certo que as coalicións sempre provocan momentos de friccións e desaxustes, especialmente cando unha das partes quere ser de modo simultáneo, o neno no bautizo e o morto no enterro, pero son cousas que se aprenden coa madureza da experiencia de goberno.
Digamos que non é morte de home, aínda que de entrada sorprende a inxenuidade de pretender a visibilización deslealmente, e esperar que poida ser entendido pola sociedade. Pero o dos populares son palabras maiores. Están nunha guerra que non ven a conto e que a ninguén importa. Tapan cun inexistente terrorismo a importancia dos logros do Goberno. Empeñados en ir a contrapelo da Historia, manexan un relato que non coincide co necesario hoxe para a sociedade española. Precisamos darlle estabilidade, esperanza e un mellor futuro ao país nas tramitacións de presupostos e cos plans de recuperación económica. Os populares deberan facerse útiles e saber ser necesarios. Hai momentos nos que por riba das ideoloxías, hai que saber estar na Historia.
Ti es ese instante perfecto no que todo sucede doadamente –díxolle El con tenrura– o devalar suave de horas e sentidos que deixan de ser teus ou meus para ser, única e profundamente, nosos...