As seguintes son expresións que soan ben en sede lexislativa: “man tendida”, “consenso”, “dialogo”, “bilateralidade”, “nese punto ímonos atopar” “remamos na mesma dirección”, “lealdade institucional” blá, blá, blá...
O mandato do dialogo vende, mais non pasa da parte expositiva á parte práctica case nunca. Toman directamente á xente de parva, e iso non é asumible pola sociedade. En Galicia pasa máis do mesmo, levamos semanas vendo como Pontón e Caballero piden unha xuntanza con Feijoo, para falar da recuperación, oes como se iso fose a solución dos males do País, case como a subida ao monte de Delfos. Logo para que está o Parlamento? Non se fala no Parlamento? Este é un exemplo máis da política partidista e de liderados que tan mal lle senta á nosa democracia, porque será que os Deputados esquecen que son elixidos polos votos e non polos Partidos.
Reman todos na mesma dirección? NON, cada quen rema para onde lle ven mellor ao seu partido, que son máquinas de intereses. Para mostra, en plena pandemia, ERTE, desemprego, recesión...desde Moncloa lanzan unha cortina de fume en todo o Estado cunha manobra de cambios e mocións de censura, que na actualidade é unha irresponsabilidade. É esta a man tendida? NON. Mención especial e premio da critica para Ayuso, que con tal de salvar o poder mete a Madrid en eleccións en plena pandemia, en día laboral, esta tola a política no Estado.
Nesta borrasca, xogada mestra para dinamitar xa de todo a Ciudadanos, perde a política, porque é unha manobra clara de loita de poder partidario na que nada importa a situación das persoas e dos administrados. É certo que se valora que Arrimadas pretende demostrar que pode pactar a un e outro lado do arco político, mais a realidade é que acaba de perder o poder executivo, si o tiña, na súa formación.
Agora o que vai a darse é que cada quen do seu Partido vai facer o que lle veña en gana sen directrices da Dirección Estatal, sen proxecto de Estado, so por interese persoal. Producindo situacións como a de manter a cidade de Madrid e loitar na Comunidade por non desaparecer, o que necesariamente xera tensións nas estruturas do Partido. O futuro de Ciudadanos é repartirse entre PSOE e PP, coma mercenarios, como xa lle pasou a CDS.
Non busca Sánchez poder pactar no Congreso dun a outro lado cando conveña, iso non é posible coa situación de odio e de política inflamada que temos. Sánchez, Abalos e Redondo van máis aló. Conseguen unha cortina de fume previa a chegada dos fondos de Europa, desmontan Cs e poden recoller Madrid, un gran premio para o seu ego político, porén unha derrota para a práctica política e para os valores da nosa democracia, en Europa deben estar sinxelamente FLIPANDO.