Estamos afeitos a que as responsabilidades de todas as cousas se lle achaquen aos gobernos de turno.
Tamén a que tanto por activa como por pasiva, se lle busquen as voltas a calquera circunstancia ou situación teña ou non que ver coas súas áreas de xestión ou competencia. Pero o que está a ocorrer co tema das vacinas nunha situación de pandemia mundial, non ten doada explicación, e moito menos sentido.
Que as guerras comerciais dos laboratorios que pelexan polo control dun mercado de miles de millóns de euros, se trasladen a un escenario de emerxencia e desvíen a atención do importante, é unha grave irresponsabilidade. Asimesmo, obriga aos gobernos dos diversos países a tomar decisións de retraso dos plans de vacinación prantexados, o que provoca na cidadanía unha sensación de incerteza e de inseguridade, de todo punto inxustificada. Sementar desconcerto só permite recoller colleitas de medos e de posicionamentos acadados coa compoñente errada da manipulación.
Os puntos de partida veñen contaminados, non por temas sanitarios, senón por temas que teñen que ver cos posicionamentos comerciais nos mercados internacionais. E se lle engadimos as campañas electorais e por ende, personalismos como o de Ayuso e co amparo desmedido dalgúns medios, as triquiñuelas efectistas poden reproducirse ata o infinito e máis alá. Se O Goberno di branco, Ayuso e Madrid dirán verde botella.
Non é cuestión de ter ou non a razón, é cuestión de negarlle capacidade e competencia ao contrario, de intentar incapacitar a verdade só porque veña dun partido cunha ideoloxía diferente. O peor destes desconcertos, é que a unha parte da sociedade ou dálle igual, ou non é quen de detectalo ata que xa é excesivamente tarde.
Habítame -dixo El- aniña no fondo das miñas vísceras e éncheme os sentidos de paixóns imposibles e tenruras. Invádeme sen demora amor e fagamos verdade a vida...