Estamos de celebración e desexamos miles de anos máis para a nosa Lingua e para as nosas letras. Aínda que puidera parecer que en materia lingüística todo está consolidado e protexido, a realidade das cousas van por outro lado.
Ás veces o propio é o menos respectado e o menos valorado. Hai un certo complexo na defensa e na utilización da nosa identidade na fala, na escrita e na utilización dos rasgos característicos da nosa cultura.
Coma se foran cousas de vellos ou da aldea, termo ao que tanto se recorría na metade do século pasado. Unha estigmatización inxusta e inexplicable que vai facendo que o número de falantes se reduza notablemente cada ano, e non atope o reemplazo xeracional que lle garanta a súa supervivencia. A lingua é o maior elemento de identidade e de pertenza a unha terra e a unha mentalidade.
Para moitxs alumnxs estudar galego é coma estudar inglés ou francés. É unha materia máis. Algunhas familias, aínda hoxe, protestan porque os seus fillxs teñan que cursala. E non perciben nela o pulso, o latexo existencial do propio, dos nosos antergos e da nosa historia en cada golpe de terra e de camiño.
Aprenderán de pasada a loita, a persecución, a emigración e o desprezo a aqueles que conservaron viva a chama dunha lingua. Entenderán con obxectividade e rigor académico, os sufrimentos dos que amaron, sufriron e traballaron usando a nosa lingua coma arma e coma escudo, coma ferramenta para vivir do froito de ese esforzo. Pero seguirán estando lonxe desa lámpada que escorrenta as tebras do descoñecido. Lonxe da seguridade de compartir palabras que, por ser nosas, protexen, emocionan e salvan da dura e cruel inexistencia.
Vivir é descubrirte con sorpresa –dixo El– en cada cambio de luz ou cada gota de mar ou nun sorriso. Vivirte é un catálogo inesgotable de tenrura...