“A famosa austeridade do PP non deixa de ser unha peste que provoca asfixia social”

“A famosa austeridade do PP non deixa de     ser unha peste que provoca asfixia social”
O portavoz do BNG, durante a entrevista que tivo lugar na sede de El Ideal Gallego susy suárez

Decía Xosé Manuel Carril fai uns meses que o PP suspende na xestión da cidade por méritos propios e segue mantendo esta afirmación.

—Séguese mantendo. En todo o que ten que ver cos servicios públicos, a situación non é que sea mellor senon peor. Isto agrávase coas políticas económicas que está a adoptar o Goberno central do PP, co beneplácito do PP na Xunta e co silencio do Concello. Pódese ver como por parte do goberno local hai unha man moi flexible e agarimosa cos que teñen gran poder económico, como a Compañía de Tranvías ou os grandes promotores, e iso non pasa coa propia cidadanía que ve como o seu nivel de vida se está encarecendo.

—Está en perigo o estado de benestar?

—Por suposto que está.

—E que podería facer o Concello neste sentido?

—Primeiro cuestionar todas as medidas que se están a adoptar por parte do Goberno central e da Xunta, e poñer en valor todo o que ten que ver cos nosos sectores productivos estratéxicos. A proba de que o estado de benestar está en perigo é que o PP, día tras día, está adoptando medidas que por aplicación da famosa austeridade, que non deixa ser unha peste que provoca axfixia social, más que mellorar as condicións de vida da cidadanía se están empeorando.

—Fala de austeridade. Parece que é un termo que está de moda no Concello...

—Non só no Concello. É unha palabra que puxo de moda o PP primeiro na Xunta, despois no Concello e agora no Goberno central, e claro, estase facendo un uso perverso do termo, porque a austeridade implica eliminar o superfluo. Pero, caramba!, se o superfluo é reformar a lexislación laboral para empeorar as condicións de traballo da cidadanía, conxelar as pensións e os salarios e baixar os investimentos en educación eu creo que a austeridade se está aplicando incorrectamente.

\“Hai que apostar polo Consorcio das Mariñas como paso previo a área metropolitana\”

—E en que se podería botar a man para facer recortes? Nas propias administracións?

—Primeiro, hai que facer unha reforma fiscal en virtude da cal paguen máis os que máis teñen, e menos os que menos teñen. En segundo lugar, actuar precisamente naquelas causas concretas da crise, motivadas por un galopar desbocado dos mercados financieros. E nós estamos insistindo na necesidade de que hai que racionalizar o mapa da administración galega. Iso implica apostar polas comarcas ou as áreas metropolitanas, e pola supresión das deputacións, que non teñen sentido neste momento. No caso da Coruña sería apostar polo Consorcio das Mariñas como paso previo a constitución da área metropolitana.

—O crear a área metropolitana coruñesa non suporía por en marcha outro \“chiringuito\” máis?

—Non necesariamente porque do que se trata é de poñer en común determinado tipo de servicios, tanto relacionados co tema de benestar como do transporte, incluso no que á propia planificación urbanística dos concellos que integran a comarca.

—Que opina de medidas como a supresión dos coches oficiais, os recortes nos fondos para protocolo,... ?

—Parécenos ben este tipo de medidas, pero cremos que non poden ser utilizadas como cuestións para ocultar outra serie de realidades problemáticas. Como curiosidade, cando anunciaron a subasta dos coches oficiais foi cando Farjas anuniou en Madrid o copago farmacéutico.

—Segundo o PP, o bipartito gastou 1,6 millóns durante os catro anos de bipartito en relacións públicas e dietas, que lle parece esta cifra?

—Unha das cousas boas, por decir a única, que ten a crise é que isto nós ten que facer replantexar moitísimas cousas. E principalmente unha delas é evitar os gastos superfluos. Esa sería por exemplo a aplicación correcta da austeridade. O que non pode pretender o goberno do PP durante catro anos é insistir única e exclusivamente niso. Porque ao mesmo tempo que di que está a reducir ese tipo de gastos, está a adoptar outras medidas que implian gastos á cidadanía. Por exemplo, cobrar polas vodas no Concello.

—Foi un erro do BNG non anticiparse a crise e renunciar a eses gastos cando gobernou?

—A chegada do BNG ao goberno municipal marcou un punto de inflexión, no sentido de que comenzouse a cambiar a inercia das políticas do vazquismo, no fomento da participación cidadá, en igualdade, promoción económica, mocidade, cultura ou deporte. Incluso tamén no que era a reducción dalgúns gastos protocolarios. Aí habería que mirar as actuacións de cada unha das concellerías.

—Despois dun ano na política local, pensa que o BNG pudo ter feito máis no Concello?

—Entendemos que a nosa experiencia tanto no Concello como antes na Xunta foi moi positiva e con resultados bos, e en algunhas ocasións mellorábeis.

—O portavoz de Esqueda Unida ve difícil que os tres grupos da oposición se poñan de acordo porque teñen ideas diferentes. Comparte a súa visión?

—Nalgunhas cuestións hai ideas diferentes e noutras non. Hai actuacións como é o caso das mocións nas que hai unha coincidencia plena. Explícome: por parte de Esquerda Unida se teñen presentado mocións que o BNG ten apoiado, e ao revés. Efectivamente noutras pode haber diferencias pero sobre a base dun principio: que o BNG as iniciativas que leva ao Concello son as que lle demanda a cidadanía.

—Unha das iniciativas que se levou a pleno foi a comisión de Someso, cónstalles que se está investigando?

—Nesa moción do PP nós presentamos unha enmenda, que non se tivo en conta, na que demandábamos que se investigaran a todas as partes implicadas, e que si tivese moi presente ao principal responsabel político que é Paco Vázquez, e ao mesmo tempo que se tiveran en conta aos promotores urbanísticos daquela zona porque están incumprindo obrigas que acadaron como consecuencia dun contrato de compravenda.

—As promotoras incumpren, pero o Concello consinte...

—Non, precisamente por iso hai un contrato de compravenda dun aproveitamente urbanístico que cede o Concello no 2004, e aí había unhas condicións que había que facer en tempo e forma determinado tipo de promocións, pública ou oficial. E iso non se cumpriu.

—Que lle parece que a nova Lei de Vivenda que tramita a Xunta propoña suspender o derribo dos edificios declarados ilegais, como é o caso do Conde de Fenosa?

—Aquí hai dúas cousas: a situación dos que viven nese edificio, que esixe por parte de todos un esforzo para garantir que poidan seguir vivindo aí. E despois hai as actuacións de tipo político e de tipo legal para evitar que ese tipo de situacións se dean ou se poidan dar no futuro. No Conde de Fenosa xa hai unhas sentenzas moi claras e estamos na fase de execución. O que hai que poñer de manifesto aí é que as medidas que se adopten teñen que ter en conta que xa hai resolucións xudiciais e, polo tanto, é algo que en moitas ocasións non é fácil de conseguir.

“A famosa austeridade do PP non deixa de ser unha peste que provoca asfixia social”

Te puede interesar