Unha viaxe sonora baseada en ondas cerebrais

Unha viaxe sonora baseada en ondas cerebrais
Athal Berath actuará hoxe no Fanzine Fest co seu novo espectáculo | cedida

O Fanzine Fest continúa o traxecto da súa edición do 2021 adentrándose este serán no teatro Colón, e farao coa forza dos directos audiovisuais de Okkre, Martin Messier e Athal Berath.


Será precisamente este último quen presente sobre as táboas do Colón un espectáculo de audio e vídeo inédito no país, baixo o nome de “Cerebral”.


“Este proxecto é un experimento biotecnolóxico, que consiste en creación sonora baseada en ondas cerebrais”, explica Alberto Castaño, o nome real tras o artístico Athal Berath.


Soa a ciencia ficción, pero é real. “Soa estrambótico” bromea Castaño, pero é un espectáculo de audiovideo, pero o interese central está nesa creación sonora en base a ondas cerebrais. A escea subirá el cun dispositivo similar ao utilizado para realizar encefalografías e que “recoñece as ondas cerebrais”, cuxas frecuencias, tras ser enviadas a un ordenador, controla con diversos dispositivos de audio.


A modo de resumo, o instrumento principal é o propio Castaño, acompañado con outros sons “para facelo máis ameno e non reducilo só a un único son repetido”. 


“Farei varias escenas, unha especie de viaxe a través dun escenario sonoro, no cal, en cada escena, sempre haberá un ou varios controles que variarán en base a esas ondas cerebrais”, detalla.


Trátase dun espectáculo inédito no país e todavía incipiente no resto do mundo, tal e como relata o propio artista galego, que explica que hai algún proxecto similar en Xapón, Australia e algún país europeo. Estas propostas biotecnolóxicas son algo máis frecuentes noutros ámbitos como os videoxogos, pero aínda están a nacer no musical.


O proxecto naceu hai varios anos, pero, tal e como relata Castaño, a tecnoloxía da época non acompañaba. “Hai uns anos atopei unha empresa xaponesa que fabrica estes dispositivos EEG (os que utiliza para captar as ondas cerebrais), que eran como aquelas mallas que se poñían na cabeza, con miles de cables, que eran bastante inalcanzables”, pero a tecnoloxía avanza, e esta empresa xaponesa comezou a fabricar estes dispositivos, xa máis accesibles, “e foi cando puiden aforrar para conseguir un e investigar como adaptalo para o que eu quería, que era o tema sonoro e musical”.


Hito histórico

Sacar adiante un proxecto coma este, sobre todo tendo en conta “os ritmos dun traballador autónomo, coma min”, xa era desafío dabondo, pero un apoio do Concello deulle un pulo para a súa posta en marcha.


“Tiña claro que a primeira experiencia tiña que ser na miña cidade”, motivo polo que decidiu que “o hito histórico da estrea quede marcado aquí, xa que tanto costou e tanto houbo que traballalo, que polo menos fose aquí e con Fanzine”.

Unha viaxe sonora baseada en ondas cerebrais

Te puede interesar