Alberto Pombo | “Que hoxe se escoite reggaetón de forma masiva en Europa debémosllo a Los Satélites”

Alberto Pombo | “Que hoxe se escoite reggaetón de forma masiva en Europa debémosllo a Los Satélites”
Pombo posa coa obra na tenda de discos La Galleta | JAVIER ALBORÉS

Alberto Pombo (Loureda, 1985) é Licenciado en Filoloxía Galega e Doutor en Estudos Lingüísticos e Literarios e imparte clases no IES Rafael Dieste. Ademais de impulsar a iniciativa ‘Aquí tamén se fala galego’, vén de publicar ‘Verso e acorde’ (Xerais), un libro sobre as relacións entre a literatura galega e a música pop dos anos 1950 ao 2000.

 

De onde sae esta idea? 
O libro é froito dunha tese de doutoramento que fixen cos profesores Xosé María Dobarro e Teresa López e antes xa camiñaba un pouquiño por esa liña con outros traballos. Igual levaba unha década estudando ese tema e tras defender a tese en outubro de 2022 comecei a falar con Xerais para facer unha adaptación dirixida a un público máis total. A propia editora dicía que tiña que ser un libro para que alguén que non soubese nada do tema puidese ler de corrido. A maiores, quen compra o libro pode acceder a todos os estudos a través dun código QR, pero hai máis espazo para as anécdotas.

 

Cales se poden desvelar? 
Hai unha entrevista moi interesante que lle fan a Pucho Boedo en pleno franquismo en ‘La Noche’ e lle preguntan por que as cancións en galego e el responde ‘y por qué Frank Sinatra canta en inglés?’. A canción ‘Galicia, terra nosa’, de Manolo Manso e interpretada por Los Tamara, está considerada a primeira canción pop en galego pero eu creo que foi antes unha gravada pola banda pontevedresa Los Españoles, no ano 1959 en Mozambique, unha interpretación libre do ‘Fado das Queixas’. As orquestras, que tiñan prohibido neses anos tocar durante a Coresma ou outras festividades relixiosas, atopan no campo da festa un terreno libre para cantar en galego cando moitos libros neste idioma estaban vetados. Outra curiosidade foi que a canción protesta en Galicia chega cunha moza italiana, Margot Galante, que grava un texto de Celso Emilio Ferreiro dentro do disco ‘Canti della resistenza spagnola 1939-1961’.

 

Os profanos dicimos que o pop en galego nace con ‘O tren’ de Andrés do Barro e quedamos tan anchos. A cousa ten moita máis ‘chicha’.
É un fito marabilloso o que logrou, colocar catro números un nas listas españolas con músicas en galego e amosando que o galego tiña espazo fóra destas fronteiras. É o que están facendo agora Grande Amore ou Baiuca. Do Barro tamén musicou letras de Xavier Alcalá.

 

Falaba dos campos da festa, dos que beben Ortiga ou Carlangas.
Os galegos levamos ese ritmo latino case nas veas, motivado pola migración, e motivado por un episodio histórico como foi a xira de Los Satélites por Venezuela, que foi un fracaso pero fixo que hoxe teñamos ritmos latinos en Europa. Que hoxe se escoite o reggaetón de forma tan masiva non deixa de ser algo que debemos a unha banda coruñesa como Los Satélites, pioneiros na introdución deses ritmos no continente. Cando se revisita a estes grupos, Los Tamara, Los Satélites ou Los Españoles, atopamos unha calidade musical extrema. Estes últimos participaron na inauguración duns Xogos Olímpicos en Xapón a petición dun loitador de sumo.

 

A día de hoxe a literatura segue tendo pegada na música?
Si, proxectos como os de O Leo de Matamá, Ataque Escampe, Lucía Aldao e as propias Aldaolado, Sés... O bravú, por exemplo, que foi un fenómeno con moita identidade, non tiña moita mostra literaria. Pero foi un dos picos da nosa creación musical.

 

Canto lle debemos ao Xabarín?
Eu sou un fillo da xeración Xabarín e eu lembro a primeira vez que comprei un disco con diñeiro meu. Dudaba entre Deep Purple e Ruxe Ruxe e merquei o de Ruxe Ruxe. Foi grazas ao Xabarín Club, que hoxe ten un espazo miserable.

Alberto Pombo | “Que hoxe se escoite reggaetón de forma masiva en Europa debémosllo a Los Satélites”

Te puede interesar