As letras faladas, escritas e cantadas tomaron Méndez Núñez

As letras faladas, escritas e cantadas tomaron Méndez Núñez
Postos do mercado cultural da semana das letras do Concello da Coruña | Javier Alborés

O día das Letras Galegas converteuse en semana e, onte domingo, tomou os xardíns de Méndez Núñez para espallar as nosas verbas, ben faladas, ben escritas ou ben cantadas. A xornada dominical serviu para clausurar o mercado cultural que abriu durante a fin de semana fronte á Terraza, con productos artesanais, libros, cómics e discos.
 

No día de onte, houbo tempo para a poesía, con Yolanda Castaño, para falar de películas e revistas con María Yáñez ou para abordar as letras ligadas á cidade con Luís Pousa e Xesús Fraga. Tamén houbo espazo para a creación con obradoiros diversos e, sobre todo, houbo tempo para a música, primeiro cunha sesión vermú liderada por Brais Morán e Nasaufunk e, á última hora da tarde, cun concerto de Moura. Pola súa banda, durante a mañá, Xuxo Souto liderou unha ruta urbana baixo a denominación ‘contos da cidade barco’.


Tamén se sumou á xornada dominical a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, cunha lectura pública, xunto ao palco da música, de textos en galego, que contou coa participación de persoeiros da política, da cultura, así coma veciños e veciñas da cidade.

 

Inicio da semana

No inicio desta semana de celebración será partícipes tamén outras entidades, como a Asociación de Amigos do Acordeón, que participará, mañá ás 19.30, nun acto en homenaxe a Francisco Fernández del Riego que terá lugar no salón de actos do IES Eusebio da Guarda.
 

Antes, hoxe, a programación municipal trasladarase á biblioteca de Monte Alto, cun obradoiro de biografías ilustradas  para nenos de 8 a 12 anos (18.00 horas). Mañá martes, haberá outro obradoiro, para nenos de 5 a 12 anos, baixo o nome de ‘pequena fauna do cantigueiro de Cotobade’ (18.00 horas). Tamén o martes, en Méndez Núñez, haberá outros obradoiros e faladoiros durante a tarde, antes do concerto que ofrecerá Sés a partir das 21.00 horas.
 

O propio día das Letras, o mércores 17, o día comezará con música e o baile tradicional nos xardíns de Méndez Núñez, coa presenza de Cántigas da Terra, Son D’Aquí, Donaire, Auturuxo e Aldaolado, con lectura de textos de Fernández del Riego polo medio. Xa pola tarde continuarán os faladoiros e obradoiros, antes da proposta poético musical de Lúa Mosquetera, acompañada de Pablo Seijas (20.30 horas).


Tamén veciños, como os da Cidade Vella, quixeron sumarse á festa das letras, con propostas musicais e unha lectura pública pola mañá na praza de Azcárraga, onde tamén realizarán unha sardiñada. 

As letras faladas, escritas e cantadas tomaron Méndez Núñez

Te puede interesar