Boadicea Editora nace para encher un espazo baleiro no mundo literario. Creada no mes de setembro do ano pasado, esta semana realizou unha presentación na Coruña, dentro dun percorrido que a está a levar por distintos lugares da xeografía galega.
Segundo a súa presidenta, Alba Rozas, o obxectivo da editora é “conseguir sistematizar unha produción especializada de fantasía, ciencia ficción e terror en galego”. Diríxese a todo tipo de público, tanto infantil como xuvenil e adulto.
A iniciativa xorde ao abeiro dun podcast sobre ciencia ficción e fantasía en galego, que leva por nome ‘Baleiro perfecto’. Os ouvintes trasladaban as súas demandas de que existisen máis libros en galego encadrados neste tipo de xénero.
Alba Rozas colaborou no pasado con antigas editoriais galegas. Ademais, afirma que sempre sentiu interese pola fantasía. De feito, é doutora en teoría da literatura e realizou unha tese sobre mundos fantásticos. A editorial fundouse en setembro, pero os actos de cara ao público non comezaron até o mes de novembro. Boadicea Editora está formada por tres membros. Ademais de Alba, forman parte da mesma José Manuel Dopazo e Marcos López. Na actualidade conta xa en catálogo con oito obras, entre as que se atopan títulos orixinais e traducidos.
Aínda que os comezos non foron fáciles, debido á grande cantidade de trámites que tiveron que realizar, emprenderon esta aventura no mundo da edición coa intención de ofrecer propostas de ciencia ficción e fantasía en galego. E a xuízo dos comentarios recibidos nos meses que leva en marcha a editora, era unha demanda para moitos lectores. O ano pasado participaron en Culturgal e, segundo indica Alba, recibiron os parabéns dalgúns dos asistentes pola iniciativa e o traballo.
A distribución realízase a través do Consorcio Editorial Galego, polo que as obras chegan ás librerías para ser adquiridas polos interesados. Boadicea Editora viu a luz cun catálogo pechado até o 2025, pero continúan recibindo propostas para a súa publicación, ás que darán resposta en canto sexa posible. De momento, en marzo comezará a editarse a saga ‘Terramar’ de Ursula K. Le Guin e os lectores poderán adentrarse nun mundo de fantasía.