Brais Morán | “Na miña música hai unha mentalidade de esperanza”

Brais Morán | “Na miña música hai unha mentalidade de esperanza”
Imaxe do videoclip 'Nasaufunk Mameluca'

Brais Morán leva máis de vinte anos creando cancións. O seu último tema ‘Nasaufunk Mameluca’ invita a saír adiante e a manter a esperanza. Este venres, a partir das 22.00 horas, actúa en Garufa Club acompañado por Sergio Blanco (batería), Fran Castro (teclados), Antón Torroncho (baixo) e Manu Seoane (guitarra). Brais Morán & Nasaufunk convidan ao público a bailar.

Leva moitos anos facendo música sen perder de vista as súas raíces, cre que é importante visibilizar a riqueza cultural galega? 
Si, moi importante. Saber o que se está facendo aquí, tanto proxectos musicais como culturais. As novas xeracións tamén veñen cargadas de creatividade, de proxectos. No meu caso levo máis de vinte anos nos escenarios, sobre todo creando música, porque realmente eu son unha persona que compoño cancións. Empecei tocando moito rock and roll, moito punk rock, e desde hai uns anos collín a parte de experimentar estas vertentes musicais e ser máis ecléctico. A miña música tira moito ao funk disco e, tendo as raíces, ás veces tira tamén pola terra. O anterior disco ‘No Mato do desespero’, do 2018,  si que foi un disco que tiña un pouquiño de todo, é quizais o disco máis ecléctico que fixen ata o momento.

 

Como valora o panorama actual da música en Galicia?
Realmente cada vez hai máis proxectos. Hai tantas cousas que é complicado que a xente as coñeza todas, porque vivimos nun fenómeno de redes sociais e de tecnoloxía no que cada día escoitas proxectos distintos. O problema é que ao haber tantos é difícil que a xente coñeza todo o que se fai. No meu caso por exemplo son unha persoa que leva anos pero as novas xeracións veñen con estilos diversos, algúns non se coñecen tanto como outros. Pero estase facendo moitísima música e vimos dun tempo no que se acumulou todo o que se fixo na pandemia. Este verán veu lanzado en festivais, en actuacións, hai moitísimas cousas que viñeron de repente.

 

Cales son as influencias na súa música?
Eu bebín de moitísimas cousas, desde pequeno na miña casa escoitouse moitísima música, desde The Beatles, The Jackson 5... Eu tirei moito cara o funky, a música dos setenta, logo tamén me gustou moito misturalo con cousas que me saían con máis toques de aquí. Gústame moitísimo a música étnica, brasileira, africana... A verdade é que eu nunca me poño unha etiqueta dun estilo concreto. Si que a miña música tira a funky disco, moi bailona, pero pode ser tanto dos tempos de Stevie Wonder pasando por Jamiroquai... a cousas incluso moitísimo máis épicas. A música galega de raíz que fai moita xente, que non é a que eu fago, emparenta bastante, podo mezclalo na miña música nalgún momento dado. Podes beber da música de tradición de aquí mezclada cun toque máis disco, máis funky. Realmente para nós é galega pero para outra xente é exótica, é épica.

 

Vén de publicar un novo tema hai uns días. En ‘Nasaufunk Mameluca’ invita a perder o medo...
Exacto. En moitas das miñas cancións, incluso nos videoclips,  reflíctese un pouco a ensoñación. Neste tema fálase de ver a luz, de saír un pouco do burato de onde vimos, da pandemia que incluso na profesión musical estivemos moito tempo estancados ahí. No videoclip a paisaxe que se ve na praia é algo que para min reflexa motivación, é simbólico. O de ‘Nasau’ vén un pouco tamén polo tema tropical, e logo ‘Mameluca’, que é unha palabra que é un pouco un xogo de vacile, de somos como unha tribu ‘Mameluca’. É o que representa o vídeo, fala de abrir as fronteiras, de saír a flote, saír á luz... e realmente tamén se busca co tema que calquera persona que o escoite e vexa o videoclip diga “que bo rollo, quero saír adiante, quero facer cousas e non quedarme aquí estancado”.

 

E como compositor cales son as súas fontes de inspiración? 
Eu creo que as experiencias vitais, o día a día. Pode ser un pouquiño unha especie de mentalidade tamén de futuro, de esperanza, sempre nas cancións. Ese compoñente de saír adiante fronte ás adversidades que nos forxan día a día. E as paisaxes:  si que son moi de praia, de monte, á hora de inspirarme... ahí véñenme moitísimas cousas para imaxinarme. Tamén toda a aprendizaxe que temos no día a día, os problemas que nos pasan, sempre levalo a un ton positivo.

 

Como se presentan os próximos meses na súa carreira?
Despois do verán, onde houbo bastante axetreo, este concerto é un pouco darnos un homenaxe aquí na cidade da Coruña para a xente que ao mellor non viu tanto esta formación, Brais Morán & Nasaufunk. É un pouco para que a xente veña a bailar e a desquitarse. Coa música que facemos convidamos a todo o mundo a que veña a menear a cadeira e a escoitar temas de discos anteriores e temas que estarán no próximo traballo: como este ‘Nasaufunk Mameluca’, por exemplo, que aínda non temos data nin sabemos cando poderemos facer un disco para o 2023, pero seguro que este vai ser un tema dos que serven de adianto. 

Brais Morán | “Na miña música hai unha mentalidade de esperanza”

Te puede interesar