Canuto Berea, da música coruñesa ao Álbum de Galicia

Quen foi figura fundamental na difusión da música galega entra na publicación do Consello da Cultura
Canuto Berea, da música coruñesa ao Álbum de Galicia
Cadro de Canuto Berea no concello da Coruña

Canuto José Berea Rodríguez (A Coruña, 1836 - 1891) destacou pola súa transcendencia nas esferas musical, social e política galega e do noroeste peninsular no século XIX xa que, ademais, de intérprete musical e compositor, foi director, docente, axente teatral, editor, alcalde da Coruña e dono da primeira tenda de instrumentos musicais en Galicia. A súa entrada, elaborada pola musicóloga Lorena López Cobas, acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia, colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG). Ademais do texto, a entrada inclúe unha escolma de material sonoro que procede do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG).

 

Descendente dunha familia “con forte presenza na cidade”, destaca López Cobas na súa entrada biográfica, a súa carreira comezou coa interpretación musical. Destacou como violinista e pianista e pronto ampliou a súa actividade ao campo da composición, sendo autor de medio cento de obras. As súas pezas, como 'Un sospiro' e 'La Alfonsina', foron populares no ámbito galego, caracterizándose por se axustar aos gustos da burguesía local, especialmente en salóns e festas. 

 

Mais a súa influencia non quedou acoutada só á música. A partir de 1866, ano en que contraeu matrimonio, a súa proxección social na cidade intensificouse, destacándose tamén na política e nos negocios. Entres os cargos que ocupou, foi alcalde da Coruña, presidente da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos (coñecido na cidade popularmente como Circo de Artesáns) e membro de diversas entidades culturais e financeiras, como a Real Academia de Bellas Artes de San Fernando ou o Banco de España. Como alcalde da Coruña, os meses que estivo no cargo, de agosto a decembro de 1889, concentráronse, sobre todo, “na mellora das infraestruturas culturais da cidade”.

 

A súa tenda musical, Gran Almacén de Música de D. Canuto Berea, converteuse nun referente a escala galega. Fundada na rúa Real da Coruña en 1856, no seu número 38, este comercio foi relevante, incide a entrada do Álbum de Galicia, na difusión da música e a impresión de partituras dentro do contexto local coruñés. Berea, ademais de ser un comerciante, traballou na organización de material educativo e na xestión de dereitos musicais, sendo intermediario entre compositores galegos e editoriais do estranxeiro.

 

A súa contribución ao desenvolvemento da música galega chegou ata a creación de bandas e orfeóns, cunha labor que abarcou todo o noroeste peninsular, facendo de Canuto José Berea alguén recoñecido e “capaz de influír en todo o noroeste peninsular”. Este artista, empresario e político faleceu prematuramente dunha forte pulmonía, pero a súa herdanza continúa a través das súas composicións e o legado da súa familia, que seguiu despois del coa actividade empresarial e musical, entre eles un descendente seu, o afamado músico Andrés Gaos Berea, que tamén goza dunha entrada no Álbum.

 

Canuto Berea, da música coruñesa ao Álbum de Galicia

Te puede interesar