As caricaturas, a banda deseñada, as tiras cómicas... en definitiva, o humor e a sátira, sempre tiveron un espazo na prensa escrita. En tempos nos que a fotografía todavía non impuxera a súa presenza sobre a palabra, as caricaturas gozaban dun espazo preponderante nos xornais.
Se na primeira parte desta serie de reportaxes sobre as ligazóns de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e A Coruña abordábanse as súas visitas máis importantes á cidade herculina, desta volta adentrámonos nas súas colaboracións en prensa escrita. En concreto, nos seus debuxos nestas mesmas páxinas.
El Ideal Gallego, no seu nacemento no ano 1917, optou por varios colaboradores que enviaran caricaturas coas que analizar, crítica e satíricamente, a actualidade. Un deses artistas contactados non foi outro que o propio Castelao, que xa gozaba de gran sona e con quen o fundador de El Ideal Gallego, José Toubes Pego, gardaba unha boa amizade.
Na anterior reportaxe, o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, lembraba que Toubes fora o primeiro en pagar ao rianxeiro por este tipo de colaboracións. Este dato trátase nas cartas que Castelao e Toubes intercambian para iniciar esta aventura, algunhas das cales rescatou, precisamente, Seixas e que publica no número 122 de ‘A Trabe de Ouro’ (‘Sete cartas inéditas enviadas por Castelao e unha recibida por el’).
Tal e como lembra Seixas, esa primeira carta de Toubes a Castelao estaría perdida, pero sí que se conseguiu rescatar a resposta do caricaturista.
Nela, Castelao dille a Toubes que o prezo da súa colaboración deberá marcalo o propio crego, “usted mejor que yo sabe lo que puede pagarme”. O rianxeiro, ademáis de cuestionar ao editor sobre a asiduidade coa que quere publicar as súas creacións, e os aspectos técnicos para poder reproducilas, aborda os límites que se lle poderían marcar: “¿Qué vamos atacar? ¿a quién combatiremos? ¿Qué queremos remediar? ¿Cuáles cosas queremos renovar y sostener? Como usted comprende dentro de mis convicciones nacionalistas hay todos los odios y todos los cariños capaces para hacer una obra fuerte y delicada”, redactaba Castelao, antes de preguntar a Toubes se contactara tamén con Wenceslao Fernández Flórez (“ya sabe que este es uno de los buenos gallegos”) e de ofrecerse a promocionar o xornal polas terras do Lérez. “De sus inspiraciones esperamos mucho”, contestaba, ao seu tempo, José Toubes.
Deste xeito, o noveno número de El Ideal Gallego, publicado o 10 de abril de 1917, leva na súa primeira páxina a primeira caricatura firmada por Castelao, na que apelaba ao nacemento dun bloque parlamentario galego. A segunda das súas creacións tardaría algo máis en aparecer: o 2 de maio publicaríase a segunda das colaboracións do caricaturista (unha parodia sobre o centralismo), que se alternaban con outros colaboradores como Fulánez (alter ego artístico do toledano Eduardo Lagarde Aramburu, que colaborou co xornal durante a súa estancia na Coruña nos anos 1917 e 1918).
A terceira da que se garda constancia, que apareceu no xornal baixo o título de ‘La odisea gallega’, ten a curiosidade de terse publicado o 17 de maio de 1917, case medio século antes da institucionalización da celebración do Día das Letras Galegas.
A seguinte demoraríase máis tempo do que estaba a ser habitual. Publicaríase o 23 de agosto de 1917 e, coa súa habitual faceta satírica, facía mofa do patriotismo con dúas figuras, unha bastante semellante á do Quixote de Cervantes, cun fondo de establecementos con letreiros en francés.
A pesares de que o humor seguía presente con asiduidade na primeira páxina de El Ideal Gallego, a seguinte firma de Castelao demorouse bastante.
Houbo que agardar até abril de 1918. Foron catro as caricaturas publicadas coa súa sinatura (o 1 de abril, o 16, o 22 e o 30) e incluso unha quinta que aparecería sen rúbrica e que o propio Castelao referenciaría máis tarde nunha misiva.
E serían as derradeiras que lle enviase a Toubes. Castelao alegaba que algunhas destas últimas colaboracións publicaránse con algún pequeno cambio que alteraba a súa mensaxe. Ademais de explicarllo ao propio Toubes, con quen mantería a súa relación de amizade, contáballo tamén por vía postal a outro artista, Camilo Díaz Baliño. Nesta carta explicaba que a súa faceta artística non ligaba con eses cambios, motivo do seu alonxamento do xornal, “pero nunca de la amistad ni del aprecio que siento por Toubes”.
Tanto é así, que meses despois volvería a escribir ao crego para pedirlle axuda respecto dun asunto que afectaba ao seu pai, a quen lle querían “echar al suelo un hórreo construido dentro de una finca de su propiedad”, en Rianxo.
A relación con El Ideal, ou con algúns dos seus colaboradores, mantivose por outras vías co paso do tempo. Dous anos despois da súa marcha como caricaturista, aparece no xornal unha columa de Fernández Flórez na que se referencian cartas enviadas polo propio Castelao informando de problemas no tranvía na provincia pontevedresa (20 de octubre de 1920).
Coincidindo co tempo que durou a súa colaboración co xornal, neste sucedíanse as notas gabando ao caricaturista. Pero estas loas non xurdían das obras que se publicaban nas páxinas escritas, senón das súas conferencias e exposicións, que facían que visitase a cidade decotío.
Con motivo dunha conferencia ofrecida no Ateneo de Madrid, El Ideal adicaba un artigo a dúas columnas ao humorismo de Castelao (4 de xuño de 1917). “El gran dibujante se nos revela literato de fibra, enjundioso y cautivador, expone ideas originales de lo que substancialmente debe ser el arte de pintar ‘monos’, y establece con sentido crítico penetrante un deslinde entre la pintura y la caricatura”, comezaba o mentado artigo sobre unha conferencia que tería a súa versión anos despois na Coruña. En 1920, co gallo da exposición das caricaturas que conformarían o álbum ‘Nós’, o artista rianxeiro tamén daba unha conferencia na Coruña sobre o debuxo e a caricatura (‘Humorismo, dibuxo humorístico e caricatura’).
No ano 1917, con motivo da exposición de arte rexional de María Pita, na que tamén participa Castelao, reprodúcese no xornal, a tres columnas, unha ‘Conferencia del Sr. Francés’, nas que se suceden loas a varios creadores, entre eles Emilia Pardo Bazán, pero tamén a Castelao. “Se va formando en él un cronista satírico y romántico, picaresco y melancólico de Galicia. Un poeta juglar que comenzará haciendo cabriolas y que poco a poco ha llegado a expresar con tal fidelidad el espíritu y la vida gallega que nos conmueve hasta las más recónditas fibras del sentimiento cuando se ven esas siluetas lamentables de los ciegos a quienes el cielo negó el prodigioso espectáculo de Galicia”.
As loas ao “genial caricaturista” sucederíanse no tempo, incluso despois de cesar as súas colaboracións no xornal.
Durante o tempo no que as súas caricaturas se publicaban en El Ideal, Castelao colaboraba tamén con outros medios, sendo o máis destacado ‘A Nosa Terra’, o ‘idearium’ das Irmandades da Fala. Naquela carta que o rinaxeiro enviou a Díaz Baliño no 18, explicáballe que, a diferencia das que facía co Ideal, esta colaboración era de balde: “Toubes sabe, porque se lo he dicho yo, que soy de la ‘Irmandande d’a Fala’ y que en ‘A Nosa Terra’ colaboro gratuitamente”, escribíalle ao pintor ferrolán. Estas obras para as Irmandades publicábanse na capa, a páxina completa.
Ademáis de todas estas colaboracións, as cartas de Castelao a Toubes tamén referencian un cartel publicitario que tería feito para El Ideal Gallego e que lle enviaría a Toubes. Seixas apunta que ese cartel, tal e como se referencia nas misivas, debeu utilizarse nalgún momento, máis non o atopou, polo momento.