A Coruña e Castelao, unha relación capital

Entre 1907, a súa primeira viaxe documentada, e 1936 participou na cidade en diversos actos culturais e políticos
A Coruña e Castelao, unha relación capital
Recepción como membro da RAG en 1934. De pé, de esquerda a dereita: Sebastián González, Eladio Rodríguez, Enrique Peinador, Gonzalo López Abrente, Pura González, Celia Brañas, Ramón Otero Pedrayo, David Fernández Diéguez, Ángel del Castillo e

“Non veño buscando gabanzas nin loubanzas, anque fosen merecidas”. Así comezaba Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a conferencia que deu na Coruña en 1920 (‘Humorismo, dibuxo humorístico e caricatura’), co gallo da exposición das caricaturas que conformarían o álbum ‘Nós’, auspiciada por Médico Rodríguez e que acolleu o Circo de Artesáns.
 

Esa foi só unha das múltiples visitas que fixo Castelao á cidade coruñesa, unha relación que comezou a principios de século, tal e como detalla o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane. Destaca que a Coruña da época non só era a capital, senón que tamén era “a cidade máis próspera, pola actividade comercial, portuaria e financeira”
 

Deste xeito, a primeira visita que se lle documenta a Castelao á urbe coruñesa é no ano 1907. Naquela época, mentres estudaba Medicina, está vencellado á tuna universitaria. Nese ano “visita A Coruña por algún concerto ou actividade da tuna á que pertence”, apunta Seixas, que sabe desta viaxe porque aquí tomou unha foto, no estudo Alfonso, “a única de Castelao vestido de tuno, e está datada na Coruña”.


Cinco anos despois viaxou naqueles transportes denominados ‘La regional’, de Antonio Sanjurjo Badía, para acudir na Coruña a unha exposición. Tamén nese ano envía o tríptico ‘Bohemia aldeana’ e a obra ‘La local del monte’ para una mostra no colexio Eusebio da Guarda.

 

Prensa

Os medios da época foron un xeito de difusión das súas ideas, das suas caricatura e incluso da súa vida profesional.
 

E neste eido tamén hai ligazóns coa Coruña. Non só polas de sobra coñecidas colaboracións en ‘A Nosa Terra’, que se editaba na Coruña, ou posteriormente as de ‘El Noroeste’, senón porque foi un xornal desta cidade o primeiro que pagou polas súas colaboracións.

 

Cronologia castelao 1
 


No ano de nacemento de El Ideal Gallego, o seu fundador, José Toubes Pego, pídelle por carta a Castelao, con quen tivo unha boa relación, que fixera algunha das súas caricaturas para publicar no diario, sendo así o primeiro que pague a Castelao por unha colaboración deste tipo. A súa estrea sería nos primeiros números, o 10 de abril de 1917 (colaboración que merecerá un capítulo propio no futuro).

 

Cultura

Ese mesmo ano celébrase no pazo de María Pita unha exposición de arte rexional, “onde volvemos a ver a Castelao e onde está Emilia Pardo Bazán”.
 

Seixas destaca que o seu regreso será en 1920, á exposición daquelas caricaturas que comporían ‘Nós’ no Circo de Artesáns. O presidente da Fundación Castelao destaca que foi o Médico Rodríguez o auspiciador desta mostra. “Na arte galega é como un antes e un despois”, asegura Seixas, que conta que nesa época tamén se puideron ver “algúns debuxos seus publicados nun folletiño que se chamaba ‘Kiosko Alfonso’”.
 

Dez anos despois, chega de novo á Coruña xunto á Polifónica de Pontevedra. Trátase dunha xornada especial, na que “lle entregan un diploma” e na que son recibidos no Concello, ao tempo que visitan “algúns organismos da cidade”. Nesta visita “coincide con Camilo Díaz Baliño”, afirma Seixas.

 

Castelao 2 arquivo real academia galega
O mitin a favor do Estatuto que se celebrou no Rosalía no 36, coa presenza de Castelao | Arquivo Real Academia Galega

 

República

Trala proclamación da Segunda República, na Coruña celebrarase un encontro “de todos os dirixentes políticos dos distintos partidos para decidir cal é o estatuto indicado para Galicia”. A esta reunión do 4 de xuño, organizada por Santiago Casares Quiroga, indica Seixas que tamén acudiu Castelao, “e hai fotos del dese acto”.


No 34 terá lugar outro dos grandes momentos que vencellan a Castelao e á Coruña. Trátase do seu ingreso na Academia Galega (naquela época sen o título de Real). Castelao pronunciou o seu discurso sobre as cruces de pedra, que garda a propia RAG, e que contesta Villar Ponte.

 

Cronologia castelao 2
 

 

Un ano despois regresa para formar parte dos actos do Día de Galicia organizados polas Irmandades da Fala, que tamén serviron para homenaxear a Curros Enríquez. Da un discurso, xunto a outros persoeiros, a carón do monumento erixido por Asorey un ano antes (a aquela inauguración do tributo ao poeta en 1934 acudiría o presidente da República, Niceto Alcalá-Zamora).
 

A última das súas viaxes documentadas foi tamén unha das máis importantes. En xuño de 1936, catro meses despois de voltar á vida de deputado, Castelao regresa para formar parte da gran campaña que comezaran para que a xente votara afirmativamente polo estatuto de autonomía, “que xa estaba redactado en decembro do 32”. Seixas lembra que aquela campaña comezou “cun grande mitin en dous edificios da Coruña”. Un deles, o teatro Rosalía de Castro, onde acude Castelao, momento do cal a Real Academia Galega garda unha imaxe. Aquela “foi a grande campaña proautonomía do Partido Galeguista, á que se suman outros partidos da Fronte Popular, menos as dereitas, e se iniciou na Coruña e creo que foi o seu último vínculo coa cidade”. 

 

Castelao 3 arquivo real academia galega
Recepción no salón Doré en 1932, coa presenza do propio Castelao, Manuel Lugrís Freire, Urbano Lugrís, Pedro Galán Calvete, Antón Villar Ponte, Ramón Villar Ponte ou Plácido Castro, entre outros persoeiros | Arquivo Real Academia galega

A Coruña e Castelao, unha relación capital

Te puede interesar