O Concello da Coruña, a través da súa rede de Bibliotecas Municipais, ofrece un obradoiro sobre creación cultural e dixital contemporánea en galego. A actividade está dirixida ao público mozo co obxectivo de dar a coñecer as características da cultura galega como cultura minorizada así como as vantaxes e oportunidades que ofrece a creación dixital e cultural en lingua galega.
O responsable de impartir o obradoiro é o youtuber Mario Brión, máis coñecido como “Ola Xon Mario”, proposto aos premios Mestre Mateo 2023 na categoría de Mellor Comunicador e premiado no Certame Youtubeiras nos anos 2020 e 2021, así como co Premio Meendinho 2022 pola súa actividade de divulgación cultural galega na rede.
Segundo sinalan fontes municipais, As persoas que participen coñecerán a evolución da creación musical e audiovisual contemporánea en lingua galega así como os novos medios e soportes ofrecen para a creación en galego e difusión do contido, xunto cos certames e proxectos dispoñibles para a súa participación. Certame Youtubeiras, Podgalego, Twitter, Twitch... Ademais, os mozos e mozas que asistan ao obradoiro participarán no deseño dunha peza comunicativa para a
posta en práctica do aprendido durante o mesmo.
A actividade terá lugar mañá, mércores 1 de marzo, ás 18.30 horas na Biblioteca do Fórum Metropolitano. É gratuíta e é necesaria inscrición a través do formulario dispoñible na web de Bibliotecas Municipais (https://www.coruna.gal/bibliotecas). As inscricións poderán realizarse ata unha hora antes do inicio do obradoiro, sempre e cando haxa prazas dispoñibles.