Na madrugada do 4 de outubro de 1970, o mar da Coruña choraba a marcha de catorce dos quince tripulantes a bordo de ‘La Isla’. Foi un naufraxio que impactou fortemente en todos os ámbitos da cidade. Foi tal a pegada que deixou, que o suceso derivou na creación da primeira base da Cruz Roja do mar en España, así como na chegada das primeiras embarcacións de salvamento.
Fernando Patricio Cortizo foi unha das personas nas que, aínda que de xeito posterior, este suceso deixou impacto. Hai catro anos, foi un dos impulsores da emotiva homenaxe que se artellou no 2020 en colaboración co Club de Mar de San Amaro, a Cruz Roja, a asociación de veciños de Monte Alto e tamén do Concello da Coruña.
Pero para artellar tal homenaxe, houbo que contactar coas familias para avisalas. “Era un proceso protocolario”, apunta Fernando Patricio, pero o protocolo derivou en que as familias abriran as portas das súas casas e, sobre todo, das súas memorias. As familias comezaron a contar historias de cómo os fillos dos náufragos “tiveron que ir a orfanatos, algún incluso no Puerto de Santa María, en Cádiz, mentres as nenas quedaron máis cerca, en Mosteirón, en Sada”. Moitas mulleres “tiveron que abandonar os seus lugares de orixe para ir ás cidades a buscarse a vida...”.
Todas estas historias elevaron “un océano de sentimentos enorme”, e as familias facilitáronlle documentos ou fotografías dos mariñeiros de ‘La Isla’. “Dinme conta de que todo eso non podía quedar solo como unhas visitas protocolarias para facer a homenaxe. Unha vez acabou isto, eu seguín falando coas familias e todo ese mar de sentimentos deu lugar ao nacemento do libro”, explica o autor sobre ‘Na escuridade das ondas. A traxedia do pesqueiro ‘La Isla’ no mar da Torre de Hércules’.
As propias familias foron partícipes do libro, porque Fernando Patricio mandoulles a cada unha a parte correspondente das ‘biografías salgadas’ que inclúe a obra, para que “subsanaran erros e as purgasen”.
O escritor pon en valor o suceso, “todo o que pasou despois, a verdade, é que foi enorme”, indica, en relación á apertura da “primeira base da Cruz Roja do mar de España”, no 71; da primeira “lancha de salvamento autoadrizable da historia de España, que fora a ‘Blanca Quiroga’”, no 73; ou “o helicóptero do SAR”.
Pero tamén destaca “o gran labor dos heroes que fixeron os mergulladores do GRAS do Club de Mar de San Amaro”, xa que non só participaron naquela busca dos náufragos, senon que, posteriormente, “adestraron aos primeiros gardas civís nestas tarefas de salvamento acuático. Destes primeiros gardas civís, destas primeiras clases, nacerían anos despois os GEAS da Guardia Civil”, lembra o autor sobre unhas consecuencias que se estenderon “a toda Galicia e a boa parte do noroeste peninsular”.
A pesares de que Fernando Patricio Cortizo naceu dous anos despois da traxedia, vivir na contorna do cárcere provincial permitiulle coñecer case de primeira man as historias que contaban as xentes do lugar, sobre todo as xentes do mar. Aínda así, as historias das familias permitíronlle coñecer cousas que descoñecía. Dunha delas sabe de memoria ata a páxina na que a inclúe: a 229 do libro.
“Resulta que hai outra persona, de moita sona, moi coñecido na cidade, que descende ao pecio cos buzos do GRAS, que é César Bonilla, o que foi dono das patatas Bonilla”, explica. Bonilla era socio do Club del Mar, fora campión de pesca submarina e adicábase ao mergullo. “O 11 de outubro descende aos restos do pecio e, cando entra na ponte do barco, despois de sacar unhas fotos ao propio pecio, ve algo que lle chama a atención e saca unha foto”.
O autor asegura que cando chegou a terra e conta esa experiencia a un amigo íntimo, este contestoulle: “César, esa foto no la publiques, porque si la publicas puede que la aseguradora no indemnice a los armadores y, lo que es peor, que las familias y los huérfanos queden sin las debidas pensiones e indemnizaciones”. “Con iso xa dou unha pista do que se puido producir”, di o escritor, lembrando o nexo coa “famosa” historia de cando o maquinista de ‘La Isla’, “despois do primeiro pantocazo”, viu ao patrón de pesca ás prisas cara a zona da roda do timón, onde estaba o patrón de costa, que “por unha serie de desavinzas e liortas coa tripulación, fora relegado das súas funcións”. Nese momento, o patrón de pesca díxolle ao de costa a “famosa frase”: ‘Qué carallo fas aquí, que nos trouxeches á morte’”.