Francisco Jorquera | “A condición previa para negociar os orzamentos é cumprir o establecido no acordo de investidura”

Voceiro do BNG en María Pita, afronta o segundo ano deste mandato con numerosas premisas, entre as que resaltan mellorar a situación da vivenda para que todos os coruñeses teñan acceso á mesma e ser parte da solución para “todos os servicios municipales que se están prestando en precario”
Francisco Jorquera | “A condición previa para negociar os orzamentos é cumprir o establecido no acordo de investidura”
O voceiro do BNG en María Pita, Francisco Jorquera | Quintana

O novo curso político implica novos retos para o presente e futuro da cidade. O voceiro do BNG en A Coruña, Francisco Jorquera, expón as liñas que marcarán o devir dos asuntos municipais nos vindeiros meses.  

 

Como afronta o novo curso político? 
Con interese e expectante. Hai multitude de asignaturas pendentes que hai que abordar nesta cidade e o novo curso vai esclarecer se existe vontade de afrontar esas cuestións.

 

Cales son esas asignaturas pendentes?
Hai moitos servizos municipais que se están prestando en precario coas consecuencias que iso conleva, como o tratamento do lixo, o servizo de recollida do lixo, etc. Quero lembrar que en 2024 caduca a concesión á Compañía de Tranvías, por tanto se abre un escenario moi importante de cara a apostar por una mellora decidida do transporte público na nosa cidade. Cremos que A Coruña ten un problema social de primeiro orde como é o problema do acceso á vivenda e por iso o BNG vai impulsar que se regulen dunha vez por todas as vivendas de uso turístico e outro tipo de medidas. 

Como valora o que vai de mandato de Inés Rey? 
O PSOE fixo unha lectura equivocada dos resultados das eleccións municipais. Foi a única forza que baixou en porcentaxe de voto, en cambio fixo unha lectura como se acadase a maioría absoluta. Esto levou a que durante o primeiro ano de mandato o Goberno municipal se instalase en certa autocomplacencia e que faltase impulso político, o que se plasmou na desatención de cuestións do día a día nun Concello. A propia alcaldesa, sen pretendelo, recoñeceu esta situación, xa que fixo un balance moi triunfalista do que foi o primeiro ano de mandato, pero nada máis facelo procedeu a unha remodelación moi profunda no seu equipo de goberno. Tan ben non irían as cousas cando pasado só un ano da constitución da nova corporación tivo que reformar de xeito moi profundo o seu goberno.

 

Xa comezaron as negociacións dos orzamentos?
Estamos no proceso previo. Non se iniciou a negociación formal porque para o BNG hai unha condición previa para negociar os orzamentos de 2025, que é que se cumpra o establecido no acordo de investidura que facilitou a elección de Inés Rey como alcaldesa e que se cumpra o acordo dos orzamentos de 2024. Hai moitos aspectos que aínda non se están cumprindo e polo tanto estamos demandando o cumprimento antes de pasar aos orzamentos de 2025.

 

Poderían retrasarse entón as novas negociacións? 
O BNG non quere que se dilate a negociación e a hipotética aprobación dos novos orzamentos innecesariamente, porque para a cidade sempre é bo ter orzamentos aprobados en tempo e forma, pero creo que calquer cidadán entenderá que si o partido socialista quere que o BNG vote favorabelmente a un novo proxecto de orzamentos, que a primeira esixencia do BNG é que se cumpra o acordado previamente, porque senón calquer acordo con respecto aos orzamentos de 2025 non sería creíbel. A pelota está no tellado do Goberno municipal, que é consciente do que se acordou e do que asinou para facer posíbel ter orzamentos, polo que ten que impulsar o cumprimento se quere que o BNG teña disposición de ter orzamentos.

 

Cal é a súa postura sobre o proxecto das Xubias?
É necesaria unha información clara e transparente e non empezar a casa polo tellado. Hai que modificar as previsións do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Estamos falando dun borde literal de extraordinario interese medioambiental e paisaxístico no que hai un núcleo histórico como é o propio núcleo de As Xubias e outros elementos patrimoniais a preservar. Non se pode apostar pola edificabilidade totalmente abusiva que contemplaba o PXOM. Calquera actuación a cargo de propietarios de solo e a cargo de promotores, aínda que sexa conveniada co Concello, ten que inscribirse nas liñas maestras que defina esa modificación puntual do PXOM.

 

Como valora a política urbanística do PSOE?
Hai actuacións que estaban contempladas no PXOM, polo tanto, mentras non se modifique son actuacións que teñen ese amparo. O Goberno municipal non está tendo eso como prioridade, senón conveniar con promotores privados actuacións ao abeiro do actual PXOM.

 

Preside a Comisión da Fachada Marítima. Como marcha o futuro do litoral?
A comisión ten a función deliberativa de recoller opinións e suxestións que axuden ao Concello a formar unha opinión e definir a súa posición. Nese sentido as achegas que se están aportando son moi interesantes. Neste cuatrimestre no que entramos vai haber novas comparecencias que creo que van resultar de moito interese. Non podemos ignorar que o porto interior ten que seguir sendo porto. Non toda a actividade portuaria é trasladabel ó Porto Exterior. É necesario o mantemento da titularidade pública dos terreos e gañar espazos públicos de calidade. É tamén unha gran oportunidade para resolver parte dos problemas de mobilidade que ten a cidade a escala metropolitana, polo tanto esas son as liñas básicas.

 

Como se está xestionando o tema das novas concesións de transporte público e de reciclaxe?
No que afecta ó servizo de xestión dos residuos sólidos urbanos todo parece indicar que xa está todo listo para iniciar o proceso de licitación e me congratulo, porque non foi sen tempo. No que afecta ó servizo de transporte, o que fixo o Goberno municipal foi anunciar un estudo previo á licitación e quero lembrar que a concesión caduca a fin de este ano. A nosa crítica é que se sabía dende hai tempo que caducaba a concesión e todos os pasos previos para chegar a tempo puideron acometerse moito antes para evitar a situación que se vai dar, que é prorrogar o servizo e que se preste en precario. Agora hai unha oportunidade de ouro para mellorar o servizo.

 

Que opina da xestión das festas de este ano?
Houbo unha atención importante a grandes eventos e concertos pero desatención ás festas dos barrios que son importantes para crear tecido comunitario e vínculo social, o que é a cultura de base. O BNG foi moi crítico co xeito de xestionar as contratacións do IMCE por parte do Goberno municipal e todos os impagos. Ao final, tras o pago houbo que recortar os recursos para a programación de este ano. Discrepamos das prioridades que tivo o Goberno local. Os eventos son importantes pero a cultura non é unha sucesión de eventos.

 

Que pensa do episodio vivido coa queima de camións de basura?
O BNG demostrou neste tema ser unha forza política seria e reponsábel. Ante a situación do verán, o BNG o que tivo foi unha posición de seriedade, responsabilidade e o contrario levaríanos a ser cómplices dunha chantaxe. Non pode ser que un servizo público esté colonizado por un grupo que ten prácticas totalmente condenables. 

Francisco Jorquera | “A condición previa para negociar os orzamentos é cumprir o establecido no acordo de investidura”

Te puede interesar