O exdiputado Francisco Jorquera (Ferrol, 1961) foi voceiro do grupo municipal do BNG no que vai de mandato, que ten sido bastante convulso, e no que o seu partido esforzouse por manter unha “oposición propositiva” da que está bastante satisfeito. Agora encara o último ano con confianza nas futuras eleccións.
Como definiría este mandato?
Creo que estes anos foron intensos, por distintas circunstancias. En primeiro lugar, foi condicionado pola covid, unha circunstancia imprevisible, afectou á política municipal, cambiou as prioridades. Foi un mandato que empezou baixo o rótulo do diálogo, do retorno da amabilidade ao concello da Coruña, pero logo todo iso viuse interrompido polos incumprimentos do partido que goberna e polos procesos conflitivos que viviu o Goberno municipal e a maioría dos grupos municipais. Afortunadamente, creo que o BNG é a excepción.
Que clase de oposición fixo?
Creo que iso ten que xulgalo a cidadanía, pero nós marcamos un obxectivo. E creo que a sociedade percibe que foi capaz de ter unha incidencia na política municipal moi superior á representación que nos atribuíu. Quizais por iso somos a forza política con máis expectativas de crecemento de cara ás próximas eleccións municipais. O BNG vai a ser unha forza determinante.
Como crecerá o BNG? A costa da Marea Atlántica?
Non vou facer cábalas sobre os posibles trasvases de votos. Pero si creo que nesta cidade houbo unha perda de impulso, que hai certa ineficacia na xestión. No que levamos de mandato deixáronse sen executar dous de cada tres euros de investimentos, o que me parece especialmente importante nun contexto de crise.
Repetirá como candidato?
Iso o ten que decidir a militancia. Cada afiliado ten un voto e o proceso aínda non se iniciou. Se o consideran así, teño disposición de asumir ese cargo.
Esperan gobernar en solitario?
Creo que non hai que poñer o carro antes que os bois. É certo que hai unha situación política que fai pouco probable que un grupo teña maioría absoluta. E o BNG ten acreditado a súa capacidade de diálogo. Pero a composición desa corporación non é indiferente: canta máis forza teña o BNG mellor vai ser para A Coruña.
A alcaldesa sempre recorda que 58 asuntos se resolveron por unanimidade ata agora.
Vamos ver: coas cifras sempre se pode xogar para fixar a lectura política que un quere. Pero o diálogo non se mide en termos de contabilidade: a señora Inés Rey non dixo cantas daquelas cuestións que foron froito de acordos entre os distintos grupos se levaron á práctica. Hai moitos pendentes de materializar.
E coa Xunta ou co Goberno central, hai diálogo?
Hai unha lousa que pesa sobre o noso porto, a debéda que está condicionando o futuro do noso litoral, unha cuestión clave, pero o Goberno central, pese a ser da mesma cor política que o Goberno de Inés Rey, négase a unha solución. Presume do diálogo coa Xunta, pero está investindo moito menos na Coruña do que lle correspondería pola poboación. Presume dun diálogo con outros concellos, pero non sabemos nada da área metropolitana.
A situación política fai pouco probable que un grupo teña maioría absoluta. E o Bloque acredita a súa capacidade de diálogo
Son eses os principais asuntos pendentes deste mandato?
Algúns. Hai actuacións planificadas importantes, como gañar espazos peonís, e nós as saudamos. Pero en políticas de vivenda, por moito que as competencias sexan da Xunta, hai moito que se pode facer no ámbito municipal, e todas as promesas son unha reedición de compromisos do Goberno de Xulio Ferreiro que non se materializaron. Que hai dunha bolsa de vivenda pública en aluguer?
Así que, parafraseando o que dixo a alcaldesa sobre o aparcadoiro, vostede tamén cre que as vacas teñen que estar no alpendre?
Non vou entrar a valorar expresións máis ou menos afortunadas doutra persoa. Pero hai que apostar por outra forma de mobilidade. Cara a ese modelo avanzan todas as cidades do mundo. Os protagonistas teñen que ser os peóns e un dos enormes déficits do Goberno local é que non revisou o mapa de autobuses.
Non obrigou a pandemia a deixar de lado o transporte público?
É certo que houbo un descenso no número de usuarios pero a pandemia non pode ser a excusa para todo. A xente ten que facer a vida normal. O que non pode ser é que nos diga que non houbo revisión do mapa pola pandemia, que non houbo contrato do tratamento do lixo pola pandemia, que seguimos agardando polo contrato de parques e xardíns pola pandemia e que seguimos agardando pola apertura do centro deportivo do Castrillón pola pandemia.
É o Goberno local inestable?
Todos os avatares do Goberno local revelan tensións internas dentro do PSOE por unha maneira de funcionar pouco colexiada, onde poucas persoas toman todas as decisións.
Houbo un relevo de funcións, a chegada de Mónica Martínez de Cidadáns, a dimisión de Juan Díaz Villoslada, os xuízos polos nomeamentos dos directores de área... Pero a alcaldesa asegura que á xente non lle importa, só á oposición.
A xente ten moitas preocupacións pero se lle preguntase se alguén debe dimitir cando sae dunha forza política, estou convencido de que o 90% diría que si.
Sobre o diálogo, Rey recorda que o BNG ten dous concelleiros.
O PSOE tivo moitísimo interés en asinar un acordo de investidura ao inicio do mandato, e tiñamos os mesmos concelleiros que agora. Un partido serio chega a acordos porque ten a vontade de cumprilos.
Sobre o futuro, algunhas sondaxes dan concelleiros a VOX...
Unha singularidade da que me sinto orgulloso é que en Galiza VOX ten cero diputados electos no Congreso, cero no parlamento galego, cero diputados provinciais e cero concelleiros na suma dos 313 concellos. Agardo que sigamos conservando esa singularidade. En todo caso, O BNG é un dique contra o fascismo.