‘A Galicia deseñada’, un percorrido pola historia da identidade gráfica galega

A Universidade da Coruña, en colaboración coa editorial Fabulatorio, presenta o libro que nace da investigación de Marcos Dopico, Cibrán Rico e Suso Vázquez, na que exploraron como o deseño gráfico galego evoluciona a través de símbolos e marcas
‘A Galicia deseñada’, un percorrido pola historia da identidade gráfica galega
Cibrán Rico, Marcos Dopico e Suso Vázquez, na mostra ‘A Galicia Deseñada’

‘A Galicia deseñada’ é unha obra de máis de 700 páxinas froito da exposición homónima celebrada na sala Normal da Universidade da Coruña no Espazo de Intervención Cultural en 2022. Alí, o actual decano da facultade de Deseño da Universidade de Vigo, Marcos Dopico, e os investigadores coruñeses Cibrán Rico e Suso Vázquez, expuxeron unha mostra centrada no uso de símbolos arraigados na cultura galega e reinterpretados ao longo da historia.


Aínda así, según Cibrán Rico, un dos tres autores, coruñés e titulado en Arquitectura na UDC, explica que “a inquedanza por saber quen crea a paisaxe galega” xa ven de antes. Rico conta como a súa paixón polo deseño e coñecer a Suso dende a carreira foron dous aspectos chave para dita investigación.

 

“A relación con Suso nace xa na carreira”. “Entendemos que das mellores ferramentas que nos deu o grado é a conciencia de que hai unha historia que hai que coñecer”. “Se coñeces os acontecementos históricos, entendes máis a contemporaneidade”, expón.


A relación con Marcos Dopico veu máis tarde. “Xa rematando a carreira tanto Suso coma eu comezamos facendo deseños gráficos, entre eles, unha identidade para un cartel de música tradicional”. “A partir de aí quedamos prendados de ese mundo”.

 

“Máis tarde fixemos un pequeño estudo para traballar en deseño gráfico, que despois se especializou en deseño editorial e, por último, naceu Fabulatorio”. Así mesmo, ambos deciden sumar a Marcos Dopico, xa que “compartíamos inquedanzas e ideas xuntos”, comenta o investigador da UDC.


Ata o século XII 


Segundo os autores, a investigación xorde, primeiramente, por coñecer “os nosos pais gráficos, nos anos 80”. Máis tarde, “seguimos tirando do fío e chegamos ao século XII sen darnos conta”, aborda Rico. Para dar a coñecer a investigación, non tiveron un camiño doado. Aínda así, os autores aseguran que a raíz de “ir petando portas, chegaron á Normal, da Universidade da Coruña”. 

 

Grazas á colaboración da Universidade, a mostra foi todo un éxito, sendo unha das máis visitadas no momento. “A partir de aí, a UDC animouse a coeditar a publicación”, recoñece Cibrán Rico.

 

Vázquez e Rico: “Das mellores ferramentas que nos deu o grado é a conciencia de que hai unha historia que coñecer”


Cada un dos autores plasman no libro unha realidade da historia do deseño. No caso de Marcos Dopico, destaca o uso de “símbolos arraigados na cultura galega, como a cuncha de vieira ou as inscricións lapidarias medievais, reinterpretados ao longo da historia para crear identidades corporativas”, expresa o decano de Deseño na Uvigo. 

 

Suso Vázquez, destacado investigador en historia da arte e deseño, centra a súa contribución no estudo do contexto histórico e cultural que moldeou o deseño galego ao longo do tempo. O seu traballo recalca a relevancia de figuras clave como Luís Seoane ou Isaac Díaz Pardo, destacando o papel do laboratorio de formas como un eixo central na recuperación das tradicións galegas e a súa reinterpretación gráfica tras a ditadura franquista.


Pola súa banda, Cibrán Rico, especialista en deseño gráfico contemporáneo, afonda na análise do impacto do deseño no desenvolvemento da marca Galicia, examinando a relación entre deseño e economía en etapas clave. O seu enfoque documenta como o deseño contribuíu a construír unha imaxe sólida e recoñecible tanto a nivel local como internacional.


A capacidade do deseño 


Cibrán Rico recalca a importancia do deseño e da paisaxe gráfica ao longo da historia nun lugar determinado. “Como dicimos na introdución, o deseño é capaz de dar voz visual a ese momento contemporáneo que estamos vivindo”. “É unha disciplina que esta relatando o tempo no que foi feito”, apunta. 

 

Para Cibrán Rico “o deseño é capaz de dar voz visual a ese momento contemporáneo que estamos vivindo”


No libro tamén participou –no prólogo– Pepe Barro, unha figura fundamental do deseño en Galicia e un dos ‘pais’ aos que se refire Rico. Para Barro, “o libro trata de encher ese baleiro no que os mozos non entendían o traballo que se fixo hai tempo”, expón.


Nunha primeira instancia, a obra ía dirixida aos profesionais do deseño. Con todo, Rico sotén que grazas á resposta da cidadanía “vemos que hai unha carga emocional de certas relacións con esas identidades que son esa paisaxe gráfica”. “Para a nosa sorpresa na mostra atopamos dende adolescentes ata estudantes da universidade senior”, conclúe.

‘A Galicia deseñada’, un percorrido pola historia da identidade gráfica galega

Te puede interesar