Guadi Galego agota as entradas para o seu concerto do 2 de xuño no Colón

As entradas para o concerto, enmarcado no ciclo Coa Nosa Voz, da Deputación da Coruña, serán de balde e poderanse retirar desde este luns na plataforma ataquilla.com
Guadi Galego agota as entradas para o seu concerto do 2 de xuño no Colón
A deputada Natividad González presentou o ciclo Coa Nosa Voz coas artistas

Guadi Galego presentará por última vez o seu novo directo, Síntese Horizonte, o domingo 2 de xuño no Teatro Colón, un concerto para o que as entradas xa están agotadas. A creadora, que vén de gañar na categoría Canción de Autora na 11ª edición dos Premios Martín Códax da Música, chegará á cidade da Coruña para pechar a xira dun directo no que festexa os seus 25 anos de traxectoria sobre os escenarios.

 

Tras realizar unha tríade de concertos de presentación de Síntese Horizonte en Santiago, Ferrol e Pontevedra nos meses de xaneiro e abril, Guadi Galego levará por fin esta proposta ao teatro herculino o primeiro domingo de xuño, no marco do ciclo Coa Nosa Voz, promovido pola Deputación da Coruña, no que tamén participan Uxía, Ugía Pedreira e Antía Muíño. A cita coruñesa será a última data en teatros de Guadi Galego antes de iniciar a xira de verán e as entradas serán de balde. Os convites poderanse retirar desde este luns en ataquilla.com.


Síntese Horizonte é unha aposta que fai a propia Guadi Galego pola evolución do seu son. Trátase dunha proposta exclusiva coa que pretende sorprender ao público e, á vez, ofrecer unha experiencia musical única e transformadora. 

 

Así, neste concerto, a creadora de Cedeira presenta por primeira vez en Galicia os temas do seu último LP, Roibén, mais tamén revisita temas de anteriores traballos discográficos e entoa temas como o seu sinxelo -e xa todo un himno- O.D.A., no que Guadi reivindica o dereito a seguir experimentando.

 

Neste novo directo, Guadi Galego acompáñase de recoñecidas artistas do país. É o caso da banda conformada por Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados) e Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Jiménez (vocalistas). 

 

Ademais, esta nova produción, en colaboración con Culturactiva, destaca tanto pola súa coidada iluminación (de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira -Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento).

 

Logo do último directo de Síntese Horizonte na Coruña, Guadi Galego iniciará unha xira de verán da que xa se coñecen algunhas das primeiras datas. É o caso do festival PortAmérica, a Festa de Carballeira de Zas ou mesmo do Festival Revenidas. 

Guadi Galego agota as entradas para o seu concerto do 2 de xuño no Colón

Te puede interesar