Leilía | “A nós tocounos arar a terra e poñer a semente e agora estase a ver que esa semente agromou e emerxe”

Leilía | “A nós tocounos arar a terra e poñer a semente e agora estase a ver que esa semente agromou e emerxe”
As integrantes de Leilía tras un dos seus concertos | Cedida

‘Anque me vou non me vou’. A frase escollida para a xira de despedida non podía ser máis axeitada, porque Leilía marcha dos escenarios, mais todo o acadado nas máis de tres decadas de carreira da formación permanece. Este domingo, no teatro Colón (20.30 horas), dan o seu penúltimo concerto, antes do derradeiro, a vindeira semana no auditorio de Galicia compostelano.


Agora que o camiño chega á súa fin, Ana Rodríguez, unha das seis integrantes de Leilía, mira aos case 35 anos de traxectoria da formación con emoción e con moito orgullo. “O obxectivo era aprender e dar a coñecer a inmensísima riqueza que sabiamos que se agochaba nas aldeas”, apunta. Porque Leilía non miraba no seu nacemento aos palcos ou escenarios buscando recoñecemento, “eso veu dado pola xente que nos rodeaba, que nos escoitaba e dicía que ese era o canto da terra, o canto atávico deste país”, comenta Rodríguez.


Esta derradeira xira está a ser emocionante, polos concertos, e porque lles está a servir para rememorar aspectos que marcaron o seu pasado. Rodríguez lembra, sen poder frenar a emoción, unha anécdota do 91, cando actuaron ante unha plaza de Cervantes ateigada. “Cando baixamos, un rapaz falou comigo, cos ollos cheos de bágoas e dixo: ‘Grazas, porque a través de vós entendín o que a miña avoa me quería contar en vida e que nunca cheguei a entender e que agora, véndovos a vós, sei o que me quería dicir cando dicía que tocaba unha lata de pimentón’. Unha vez que te din eso dis: ‘Teño que seguir’”. 


“Estamos moi orgullosas da estela que abrimos e estamos absolutamente satisfeitas, a nivel Leilía polo que se logrou, pero tamén a nivel personal, porque Leilía nos enriqueceu”, apunta. A pesar da marcha, Rodríguez asegura que “Leilía corre polas nosas venas, habita en nós”


Cando naceron, no 89, foron pioneiras. Abriron un camiño, “unha estela”, para mirar cara a tradición oral. Agora, miran con orgullo como moitas das novas agrupacións nacen con esa mirada ao propio. Rodríguez lembra a formacións como as Tanxugueiras, Mondra, A Banda da Loba, Fillas de Cassandra ou Caamaño & Ameixeiras. “A nós tocounos arar a terra e poñer a semente e agora estase a ver que esa semente agromou e está emerxendo dunha forma adaptada a estes tempos”, comenta en referencia a letras e ritmos máis modernos, pero que aínda así “sigue bebendo da aldea, porque se sigue compoñendo e creando cousas en base á tradición oral galega”. “É moi bonito ver que se consiguen cousas. Tardaron? Si, pero se consiguen e é excepcional que o pobo galego recoñeza e dea valor ao que tiña, pero que por descoñecemento e circunstancias políticas e sociais non se deu”, comenta.
 

Disco e vacío

O concerto deste domingo será, “para nós, moi emotivo”. “A xira implica abandonar os escenarios despois de case 35 anos e eso ten unha carga de emoción moi grande”, asegura Rodríguez. Pero será tamén “unha viaxe emocional” para o público porque ademais de creacións destes 30 anos, abordan o seu último disco, ‘Vidas cantadas’, un traballo co que viaxan a sonoridades do pasado, para rememorar a primeira maqueta que gravaron.
 

Este ‘Vidas cantadas’ foi “unha viaxe no tempo e levounos a moitos recordos”. “Foi un reencontro co noso pasado, coas nosas orixes, coas nosas ilusións iniciais... con moitas cousas que pasaron, que non contabamos que foran acontecer, porque nin nós mesmas sabiamos a repercusión que ía ter a irrupción dunha agrupación como Leilía no panorama musical galego”, comenta.


Agora, unha vez rematen os concertos da Coruña e de Santiago, asegura que cren que botarán de menos “a enerxía do escenario, a complicidade co público”. Pero tamén terán que lidiar cunha nova emoción a xestionar: “Eu tiña 17 anos cando empezamos, a miña vida adulta estivo vinculada sempre con Leilía. É unha cousa que temos que aprender a xestionar, non sei como van a ser as nosas vidas sen Leilía”, conclúe. 

Leilía | “A nós tocounos arar a terra e poñer a semente e agora estase a ver que esa semente agromou e emerxe”

Te puede interesar