Luísa Villalta xa supervisa as andainas dos coruñeses desde un balcón do Atlántico. Lidia Cao xa rematou a súa visión da autora á que este ano se lle adican as Letras Galegas, que xa mira ao mar desde o seu recuncho xunto á Domus.
Esta iniciativa xurdiu da man de Gadis, en colaboración co Concello da Coruña. Cao retratou á poeta e escritora dun xeito que resalte a súa personalidade e a súa obra. Precisamente, unha das dúas figuras de Villalta está sentada sobre a súa creación, mentres que o seu retrato, en cor laranxa, sitúase sobre un pentagrama en branco, representando todo o que aínda queda por escribir.
“Pintar este mural significou pintar un anaquiño da historia de Luísa, nun lugar privilexiado. Poder ter contacto coa propia familia foi moi enriquecedor. Que a súa irmá me comentara que tiña os ollos verdes foi revelador para poder representar algo que para min é moi importante como a mirada”, asegura Cao, que a pasada semana, antes de iniciar a obra, explicaba que era a primeira vez que pintaba un mural tan preto do mar, aínda que bromeaba polo feito de que ela tivese que estar de costas a el durante todo o proceso creativo. “Gustoume moito poder sentirme tan libre á hora de expoñer o meu punto de vista artístico”, engade Cao.
Por outra banda, a alcaldesa, Inés Rey, fixo hoxe entrega á familia de Luísa Villalta do selo conmemorativo que protagoniza, tamén co gallo das Letras Galegas.
A rexedora recibiu a María Gómez, nai de Luísa, e a Susana Villalta, irmá, nun acto ao que tamén acudiu o presidente da Sociedade Filatélica da Coruña, José Luis Rey Barreiro.
“Quero agradecer a colaboración de diferentes entidades na conmemoración destas Letras Galegas tan especiais para a cidade, enriquecendo toda a programación”, asegurou Rey.