Luísa Villalta, “máis viva que nunca” na súa cidade tatuada na pétrea pel do mar

A autora é a segunda coruñesa á que se lle adican as Letras Galegas, 37 anos despois da homenaxe a Francisca Herrera Garrido
Luísa Villalta, “máis viva que nunca” na súa cidade tatuada na pétrea pel do mar
Freixanes, nos actos do Día das Letras Galegas na Coruña/Patricia G. Fraga

Comezaba o Día das Letras Galegas na casa dos coruñeses, no pazo municipal de María Pita, porque non todos os días unha coruñesa, da rúa Vila de Laxe máis concretamente, é a homenaxeada. I é que é a segunda vez, en 61 anos de historia, que unha persona nacida na Coruña recibe este tributo dos galegos (a primeira coruñesa foi Francisca Herrera Garrido, no ano 1987).


E comezaba en María Pita porque o salón de exposicións do pazo municipal abría as súas portas á memoria de Luísa Villalta. A alcaldesa, Inés Rey, os concelleiros da corporación herculina, o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, o conselleiro de Cultura, José López, e máis representantes de institucións galegas recibían á familia da homenaxeada para visitar ‘A música das palabras’. Trátase dunha mostra, comisariada por Xesús Domínguez Dono, que percorre a vida de Villalta, o seu labor docente, a súa paixón musical (coa imaxe do seu ‘violino’ como leitmotiv), a súa obra e a importancia da Coruña na súa vida e creación.
 

 

Propostas institucionais

Tras esta primeira proposta, a actividade trasladouse ao teatro Colón, onde se sumaron máis representantes institucionais, como o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, ou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, entre outros.


Nas táboas do Colón, ademáis da imaxe de Villalta, o protagonista da escena era, de novo, o ‘violino’. Cos ecos da voz de Rosa Cedrón resoando no recinto teatral, pasaron polo escenario o presidente da Xunta, a alcaldesa e o presidente da RAG, ademáis da irmá da homenaxeada, Susana Villalta.
 

Foi precisamente ela quen enxalzou a figura da súa irmá, agradecendo os actos que se están a levar a cabo nos últimos meses, leendo as verbas da súa irmá aos “trens, institutos...”. “A palabra de Luísa é como o seu corazón, da Coruña”, aseguraba, logo de ler unha das súas creacións. “Coido que Luísa estaría orgullosa”, apuntaba Susana Villalta sobre as homenaxes, ao tempo que aseguraba que lle faría ilusión ver as súas obras reunidas nos escaparates das librarías e “na memoria dos galegos”. “Luísa está máis viva ca nunca, grazas de corazón”.
 

Era Freixanes quen lembraba que “a Cidade Alta de Villalta é a cidade do inicio do galeguismo moderno”, mentres enumeraba que a sede da Academia está na Coruña, como os inicios das Irmandades da Fala, dos primeiros editores, así como os primeiros anos do Nós. Aseguraba, ademáis, que honrar a Villalta é reivindicar “ás novas xeracións”.
 

 

 

Do fío do galeguismo tiraba tamén Rey, lembrando os Xogos Florais ou as Irmandandes. Afirmaba, además, que a da Coruña é a “Cidade que Luísa escribía con maiúsculas”.
 

Rueda, pola súa banda, enxalzaba “o que significou, o que significa e o que significará” Villalta. “O noso idioma é o fogar de todos os galegos. Un fogar amplo, acolledor, que non pertence a ninguén, ou máis ben, pertence a todas e a todos”, aseguraba o presidente, antes de que Rosa Cedrón clausurase o acto cantando o himno galego.

 

 

Plenario

Dun teatro a outro. Do Colón ao Rosalía camiñaron os actos, para celebrar neste último o pleno extraordinario e simbólico da Academia Galega.


O propio Freixanes, Ana Romaní e Margarita Ledo puxeron voz á traxectoria vital e artística de Luísa Villalta, nun pleno no que tamén estivo presente, como o resto do día, a súa familia. 
 

Tamén tivo presenza, de novo, a música e o violín. As mans de Kiyoko Ohashi interpretaron varias pezas no transcurso do pleno, que concluíu, tamén, co himno galego, desta volta co violín de Ohashi e a voz de Estíbaliz Espinosa.
 

“Non hai posicións intermedias. E para avanzar, con toda a sociedade detrás, toda, necesitamos sentarnos a falar e a deseñar un novo horizonte, un novo tempo que corrixa erros e abra esperanzas, onde se cadra todos teñamos que ceder algo para avanzar moito, sen medos, sen vendas nos ollos”, afirmaba na súa alocución o presidente da Real Academia Galega, que engadía que “coas nosas forzas, coa nosa vontade, ofrecémonos dende a Academia para traballar nesa dirección”, porque “tal era o compromiso de Luísa Villalta, a quen hoxe celebramos, exemplo dunha xeración dacabalo de dous séculos que alzaba con entusiasmo o facho dos avós e non renunciaba ao futuro. Tal era o seu exemplo”, concluía.

 

Sotaque herculino

Fóra da axenda institucional, entidades veciñais ou culturais tamén se mobilizaron onte para render as súas propias homenaxes á poeta, docente, autora e música coruñesa.
 

Foi o caso dos veciños da Falperra, que acudiron á rúa Vila de Laxe para realizar unha ofrenda floral no mesmo lugar no que viviu a homenaxeada.


O Sporting Club Casino tamén lle rendeu tributo a Villalta cunha xornada con declamacións poéticas e actuacións musicais a cargo da coral polifónica do casino, dirixida por Juan Berná. En Santo Domingo, a asociación de Meigas de las Hogueras de San Juan tamén realizaron un concerto, protagonizado polo coro Santiago Apóstol do Burgo.

 

Outros actos do día

O Concello de Arteixo realizou no día de onte, como cada 17 de maio, a súa ofrenda floral a Manuel Murguía, unha homenaxe xunto á asociación de veciños que leva o seu nome en Oseiro, a localidade onde naceu o escritor. O monolito que o lembra na urbanización Sol y Mar recibiu a peza floral coas cores da bandeira galega, que portaron o primeiro tenente de alcalde José María Sánchez Novo e o presidente da asociación Manuel Murguía, José Manuel Vázquez.


Pola súa parte, o gaiteiro cambrés Pedro Lamas levou ata Praga os sons galegos. O Instituto Cervantes da capital checa acolleu un concerto de música celta galega onde Lamas estivo acompañado polo dúo Barka, formado pola arpista Ivana Pokorná e o violonchelista Pavel Barnás. 

Luísa Villalta, “máis viva que nunca” na súa cidade tatuada na pétrea pel do mar

Te puede interesar