Narciso de Gabriel | “A xente sabía que, mediante a educación, os seus fillos podían ter unha vida mellor”

Narciso de Gabriel | “A xente sabía que, mediante a educación, os seus fillos podían ter unha vida mellor”
Narciso de Gabriel nunha firma de libros | Pedro Puig

Non é a primeira vez que o catedrático de Historia da Eduación da Universidade da Coruña, Narciso de Gabriel, analiza as represalias no comezo da Guerra Civil contra os mestres republicanos, como xa fixo en ‘Vermellos e laicos’, falando do proceso de depuración que, só na provincia da Coruña alcanzou a medio millar de mestres. Agora, vén de publicar ‘Os mestres mortos daquel verán’ (Editorial Galaxia), no que se centra en doce historias de mestres que “non só foron depurados, senón que tamén foron asasinados”. 
 

Son os exemplos de María Vázquez Suárez, mestra de Miño, ou Mercedes Romero Abella, no barrio de Monelos. Lembra o autor que ambas estaban ligadas á asociación de traballadores do ensino (ATE) e que ambas figuraban naquela primeira orde de destitucións do mestrado, en agosto do 36. Lembra tamén de Gabriel a Arximiro Rico Trabada, profesor do mesmo concello no que él naceu, o lucense de Baleira, brutalmente asasinado no 36 e do que máis escoitou falar cando era neno: “representaba o prototipo de mestre total, porque ademáis de atender aos seus alumnos da escola primaria, preparaba a outros rapaces para preparar o bacharelato ou o maxisterio, dinamizaba o ámbito cultural... era admirable”.
 

Os doce mestres que lembra neste novo libro teñen en común que, pese a ser de “distintas ideoloxías”, todos estaban “comprometidos coa República”. Destaca a diversidade das personaxes, dando o exemplo de Arximiro Rico e Víctor Fráix: o primeiro, “un mestre rural, volcado na educación dos seus alumnos”; mentres que o segundo, “tivo unha dimensión política máis explícita”. A forma en que os mataron tamén muda segundo as personaxes: a María Vázquez matárona na praia de Bañobre; a Victor Fraiz sometérono a un consello de guerra; Arximmiro foi brutalmente asasinado, “unha das persoas asasinada con máis saña”; e Mercedes Romero fora torutarada violada e asasinada, tras ser guiada até o concello de Aranga.
 

Os sublevados, e moitas veces o clero, buscaban motivos para depuralos: dende afiliacións a partidos ou entidades de esquerdas, ata acusacións como a promoción do laicismo ou ensinar “en ruso” aos alumnos. Non obstante, os alumnos e as familias disentían, “eran mestres moi queridos porque desempeñaban unha función importante e a xente así o cría”, apunta o autor, e destaca que sabían que “mediante a educación, os seus fillos podían ter unha vida mellor”, polo que a figura do mestre “adquiría maior relevancia”.


Destaca o autor que “durante moito tempo non se puido falar destas cuestións” e “mesmo hoxe en día hai xente que non é partidaria de investigalas”, mais é preciso facelo e restaurar a súa memoria, “porque non cometeron acto delictivo que xustificase ese castigo”. 

Narciso de Gabriel | “A xente sabía que, mediante a educación, os seus fillos podían ter unha vida mellor”

Te puede interesar