A XXIV edición do Correlingua, que se desenvolveu entre a explanada do Palacio dos Deportes e a contorna da Torre de Hércules avogou este venres polo fomento do uso da lingua galega entre as xeracións máis novas coa participación de preto dun milleiro de nenos da comarca da Coruña.
Alumnos de 17 centros de toda a comarca da Coruña, procedentes dos concellos de Arteixo, A Laracha, Cambre, Bergondo, Cabana de Bergantiños, Carral, Cerceda e Oleiros, ademais da propia cidade participaron neste Correlingua que leva por lema ‘Dende aquí até acolá, galego xa!’ e conta cun cartel realizado pola ilustradora Xulia Pisón.
Os participantes percorreron a pé o paseo marítimo, entre a explanada do Palacio dos Deportes e a Torre de Hércules, onde se instalou un escenario no que se desenvolveron actuacións para todas as idades e se entregaron distintos premios.