Néstor Rego (O Vicedo, Lugo, 1962) amósase convencido de que a cidadanía respaldará ao Bloque Nacionalista Galego nas Eleccións Xerais ao mesmo nivel que se rexistrou nas Municipais do 28-M.
Que tal esta nova campaña?
Moi ben, vimos das Municipais, nas que o BNG tivo un resultado exitoso, e encaramos esta con moita forza e coa convicción de que é a oportunidade para que Galicia reforce o seu peso político en Madrid. As percepcións tamén acompañan.
Ese grupo propio do BNG é un obxectivo alcanzable?
Estamos convencidos de que si, de feito todas as enquisas indican que o BNG vai subir, as que menos nos dan dous deputados por A Coruña e Pontevedra, pero cremos que é perfectamente posible obter representación nas catro provincias. Se collemos os resultados das Municipais daríannos catro deputados e o quinto, na Coruña, moi próximo. Xa sabemos que as extrapolacións dunhas eleccións para outras sempre son complicadas mais é verdade que se produciron fai pouco máis dun mes. Que o BNG teña máis forza en Madrid vai beneficiar a todo o conxunto dos galegos.
Que balance fai destes catro anos desde que o BNG recuperou a representación no Congreso?
O balance da actuación do BNG é moi positivo, cun deputado conseguimos levar a Madrid todas aquelas cuestións que dunha forma ou doutra afectan ao pobo galego. Que tivesen que ser consideradas polo Goberno central. O acordo de investidura foi bo e desbloqueou a axenda galega, pero non foi cumprido por unha das partes. Temos que dicilo con claridade e a responsabilidade dos incumprimentos é de quen incumpre, non do BNG. Que se cumpriu? Aí temos eses descontos históricos na AP-9, coas viaxes de volta gratuítas, que pode parecer pouco, pero nin o PP nin o PSOE o conseguiron. Aí está a dragaxe da ría do Burgo, demanda de moitos anos da área metropolitana; aí está a modernización e electrificación da liña entre Lugo-Ourense e a conexión ferroviaria co Porto Exterior da Coruña.
E os incumprimentos?
Non se avanzou na electrificación da liña A Coruña-Lugo ou A Coruña-Ferrol, o baipás de Betanzos. En política social non se crearon os tres novos xulgados de violencia de xénero que estaban comprometidos no acordo. Para loitar contra a violencia machista non chegan as declaracións. Que houbese eses incumprimentos nos dá lexitimidade para pedirlle á cidadanía apoio para lograr máis deputados e máis acordos.
Fala do ferrocarril e segue pendente o tema da débeda do Porto. Se volve a chegar ao Congreso e Pedro Sánchez precisa do seu apoio, iso estará sobre a mesa?
Evidentemente. De feito, fixemos un decálogo co que considerabamos esencial. É de xustiza, é inaceptable que se destinasen máis de 400 millóns a condonar a débeda do Porto de Valencia e non se faga coa Coruña, é un agravio comparativo. E os veciños non poden pagar por terreos que xa son públicos. Os espazos do porto teñen que poñerse a disposición da cidade. En todos os orzamentos que foron a debate nós presentamos unha enmenda con este asunto e todas as forzas políticas con representación pola Coruña votaron en contra dela.
Que se podería facer con máis deputados do BNG?
Moitas cousas. Galicia ten un déficit histórico en servizos, infraestruturas, financiamento... e o primeiro é compensalo. O investimento para Galicia debe volver situarse no horizonte dos 2.000 millóns de euros, algo que se superara nos anos 2008, 2009 e 2010 pero que despois PP e PSOE foron baixando. En 2021 houbo unha cantidade ridícula de 832 millóns e agora está en 1.072, que segue a ser insuficiente. Hai que potenciar o ferrocarril como medio sostible e ecolóxico, Galicia non ten cercanías e é inadmisible. Interpelei á ministra de Transportes no seu momento e dixo que o servizo non tiña ese nome, senón que tiña o de Media Distancia, que facía a mesma función. Este é un exemplo de marxinación de Galicia, porque non hai ningún lugar con áreas urbanas de medio millón de habitantes que non dispoña deste servizo. Na Coruña sería unha revolución e evitaría atascos e colapsos. A infraestrutura xa existe, só hai que poñelo en marcha. Tamén recuperar dereitos laborais, as pensións, derogar a lei mordaza... Lograr ferramentas que lle dean a Galicia a capacidade de decidir sobre os seus asuntos.
Feijóo apela á súa galeguidade para pedir o voto aquí.
Aquí xa temos a experiencia de ter presidentes do Goberno galegos. Rajoy baixou o investimento na nosa comunidade dos 2.000 millóns a menos de mil... A cuestión non é apelar á galeguidade senón demostrar que te preocupa este país. Temos os terceiros salarios máis baixos do Estado e Ourense é a provincia coa pensión máis baixa. Hai que demostrar que interesa Galicia na práctica e está visto que as forzas estatais, se poden, sempre se esquecen do noso país. Parece que os españois están descubrindo agora que Feijóo mente cada vez que fala, pero nós xa o sabíamos.
Cre que Yolanda Díaz, que tamén coñecía a Feijóo, está sendo pouco agresiva co PP nesta campaña?
Non vou entrar a valorar as estratexias de campaña doutros partidos, nós estamos poñendo sobre a mesa o balance dos gobernos de Feijóo como unha razón máis para que non goberne en Madrid.