O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas remata o prazo para presentar traballos ao concurso "Palabras de amor: #140enpositivo", convocado pola Biblioteca da Deputación e que este ano chega á súa 11ª edición. O certame quere espertar a imaxinación dos lectores e lectoras, animar a compartir as súas creacións, dinamizar a Biblioteca e facer partícipes a todas as bibliotecas municipais da provincia, e para iso premiará mensaxes positivas que impulsen e melloren o día a día das persoas a través de palabras de ánimo e apoio.
As mensaxes, ata un máximo de tres por participante, en galego ou en castelán, escritas a man ou en ordenador, terán unha extensión de 280 caracteres, espazos incluídos.
Establécense tres categorías:
O certame outorgará os seguintes premios: Nas categorías 1 e 2: un libro electrónico, para o primeiro premio; unha tarxeta regalo para a compra de libros valorada en 75 €, para o segundo premio; e un lote de produtos promocionais da biblioteca provincial, para o terceiro premio. Na Categoría 3, un lote de produtos de escritura e traballos manuais por valor de 75 €, para o primeiro premio; unha tarxeta regalo para a compra de libros valorada en 50 €, para o segundo premio; e un lote de produtos promocionais da biblioteca para o terceiro premio. Todos os participantes recibirán, ademais, un pequeno agasallo da biblioteca.
Os traballos deben presentarse enviando un correo electrónico a biblioteca.info@dacoruna.gal co asunto #140enpositivo, e especificando a mensaxe e os datos persoais da autoría (nome e apelidos, enderezo postal e número de teléfono) e en que categoría participan ou escribindo as mensaxes nos modelos en papel dispoñibles na Sección Infantil e Xuvenil da Biblioteca ou no Servizo de Información, e deixándoas nas caixas de correo habilitados nesas salas.
Finalizado o prazo de participación, anunciaranse os premiados e premiadas na páxina web da biblioteca, fisicamente na propia biblioteca provincial, e nas súas redes sociais: Facebook, Twitter e Instagram. Os traballos presentados expoñeranse na biblioteca e difundiranse nas súas redes sociais e tamén nas da Deputación da Coruña.