Quinito Mourelle | “A música é un vehículo para sentirme amigo e irmán de Rachmaninov ou de Jobim”

Quinito Mourelle | “A música é un vehículo para sentirme amigo e irmán de Rachmaninov ou de Jobim”
Quinito Mourelle | Javier Alborés

Tras varios anos de traballo, xunto a Roberto Somoza, Fernando Briones e a Orquesta e Coro Gaos, Quinito Mourelle publica o seu novo disco, ‘Suite Letea’. Explica o compositor que este foi un traballo que naceu hai seis anos, pero que “por mil circunstancias vitais, foi a trompicones”.
 

Ten un precedente, ‘Suite de las ocho’, que Mourelle gravou no 2017 coa Orquesta de Cámara Galega. Foi nese momento cando empezou a compoñer máis temas “para este tipo de formación”, para agora estrenalas con outra formación orquestal como a Gaos. Foron diferentes “pequenas obras”, que puideran ter esta forma de suite. A pesar da distancia temporal, Mourelle agradece “que se demorase tanto”, no sentido de que as “composicións iniciais víronse engrosadas por novas composicións, e tamén as iniciais foron gañando matices e novas estruturas”, explica.
 

Retomar composicións que se iniciaron hai seis anos, apunta que “é como estar rememorando esas circunstancias vitais”. “Non teño problema en darlles unha volta agora a eses sentimentos que siguen aí”, apunta Mourelle, que tamén engade que “aínda que cambiase todo, eu me recoñezo aí, estou cómodo”.
 

Unha das gabanzas que lle adica o propio Roberto Somoza é a de saber transformar as palabras en música. “Esa é a imporesión de Roberto”, di Mourelle cun sorriso, mentres subliña que “si que é certo que teño esa conexión, que non podo deslindar, entre literatura e música”. É algo que trascende na súa actividade musical e na novelística. “A literatura, as historias, están presentes tamén na música”, comenta o compositor, que explica que, por primeira vez, traballou cun coro, o da Gaos: “levaba moito tempo desexando escoitar voces concentradas, dándolle vida a algo que tiña composto, é marabilloso, emocioneime”.


O disco pódese mercar, polo momento, na libraría Xiada, así como na páxina web grupoberoly.com. Mais unha das inquedanzas de Mourelle é presentalo cun concerto. O anterior, coa Orquesta de Cámara Galega, presentouse no teatro Colón. “Gustaríame repetir experiencia, pero non hai nada entre mans aínda”, apunta entre risos.

 

Sentido da música

A música, para cada persona, é un mundo diferente. Para Quinito Mourelle é algo que traspasa as fronteiras sociais, igualando a todo o mundo.


“Non creo en bandeiras, nin patrias, en nada...”, comenta o compositor, que explica que “a música é un vehículo para que eu poda sentirme fondamente amigo e irmán de Rachmaninov ou de Tom Jobim, independentemente de como fosen eles como personas, mediante a música crean un vehículo de unión que é o meu alimento, é algo que traspasa esa porcallada das identidades e patriotismos e nos fai a todos iguais”. 

Quinito Mourelle | “A música é un vehículo para sentirme amigo e irmán de Rachmaninov ou de Jobim”

Te puede interesar