Rodrigo Costoya | “As lendas están moi ben, pero deixan de estalo cando engañan”

O escritor presenta esta fin de semana na Coruña a súa cuarta novela, ‘La última reliquia’, cun acto hoxe no Circo de Artesáns e unha visita guiada mañá polas localizacións dunha novela na que aparecen Felipe II, María Pita, Drake ou Cervantes
Rodrigo Costoya | “As lendas están moi ben, pero deixan de estalo cando engañan”
O escritor compostelano Rodrigo Costoya | Cedida

O escritor galego Rodrigo Costoya vén de publicar a súa cuarta novela, ‘La última reliquia’, que presenta esta fin de semana na Coruña con dúas actividades. Por unha banda, hoxe haberá unha presentación, “unha celebración da historia”, no Circo de Artesáns (20.00 horas) e mañá a presentación continuará ás 11.30 horas, cunha visita guiada polos emplazamentos nos que transcorre a novela.
 

“Eu, que son un apasionado da historia, que estou todos os días investigando e tratando de descubrir cousas, deime de conta de que había moitísimas, demasiadas cousas, que eu descoñecía”, apunta Costoya sobre o xerme da súa cuarta obra. “Escríbese moito, incluso dentro da narrativa histórica, sobre lendas. As lendas están moi ben, pero deixan de estar ben cando engañan, cando pasan a ocultar a verdade”, afirma Costoya, que engade que “está moi ben que coñezamos as lendas e que disfrutemos delas, porque, ao final, son unha manifestación da cultura popular, pero iso fai que a xente descoñeza por completo a súa historia, entón temos un problema”.
 

E foi descubrindo verdades cando chegou ata Felipe II, “o home máis poderoso da humanidade”, e a súa “misión imposible”, que marca unha das tramas de ‘La última reliquia”. Esa primeira trama é “un feito histórico, documentado, que se levou a cabo, pero non co éxito que se esperaba”, comenta Costoya sobre o plan de Felipe II de “conseguir para O Escorial o corpo do apóstolo Santiago”. 
 

Pero hai unha segunda trama, que fala de sucesos históricos algo máis recoñecidos, sobre todo na Coruña. “O mesmo ano que Felipe II manda ao seu mellor intelectual a Santiago, manda tamén unha flota para conquistar Londres”, lembra Costoya sobre a denominada ‘Armada Invencible’. Ese ataque derivou nunha contraofensiva inglesa cara Lisboa, “que era a cidade máis importante de todos os reinos de Felipe II”, pero antes atacarían A Coruña. E aquí lembra a defensa herculina que encumbrou como heroína a unha muller chamada Mayor Fernández, “que pasaría á historia como María Pita”, dato que o propio Costoya recoñece que cría que era o seu nome real.


No transcurso da novela, o autor compostelano recrea o Santiago e a Coruña da época, ao tempo que devolve á vida a personalidades como os propios Felipe II, María Pita ou incluso Cervantes. “É francamente difícil”, asegura, porque “nunca tes a sensación de estar realmente reflexando o que foi aquelo, porque sempre tes a distorsión propia dos esquemas mentais que temos cada un”.
 

Costoya ten claro que a novela cambiará algo os ollos cos que os lectores miran a esta historia. “Que se preparen para o que vén”, asegura entre risos. “Tampouco é igual ante os meus, foi un traballo moi bonito, e intenso, de búsqueda e de ir desmontando mitos”.
 

Hoxe presenta a novela e mañá fará un percorrido polos seus emplazamentos, ambos gratuitos. O percorrido comezará na praza de María Pita, ás 11.30 horas, e visitará o Castelo de San Antón, Porta Real, Porta de Aires ou a casa da propia Mayor Fernández, entre outros lugares.
 

Aínda que acaba de publicala, xa hai ideas para as seguintes. “Se en Hollywood, en lugar do ‘Salvaje Oeste’, chegan a ter a riqueza, durante milenios, que temos en Galicia con respecto a feitos históricos, xa terían feito milleiros de películas”, di.

Rodrigo Costoya | “As lendas están moi ben, pero deixan de estalo cando engañan”

Te puede interesar