A Real Academia Galega custodiará máis de 2.000 fotografías de Francisco Pillado González

A Real Academia Galega custodiará máis de 2.000 fotografías de Francisco Pillado González
Cativo con palangre

Gañou a vida como contable, pero ao longo de seis décadas Francisco Pillado González (1892-1977) foi como afeccionado un destacado fotógrafo da cidade da Coruña e da súa xente. Entre os anos 20 e os 70 do século pasado, inmortalizounas nos milleiros de instantáneas que realizou coa súa ollada, á procura da beleza e da dignidade do cotián, do aparentemente pequeno. “Lémbroo sempre coa cámara colgada do pescozo, era como unha parte máis do seu corpo”. Cóntao Julia Tarrío Pillado, a neta que interveu hoxe en nome da familia no acto de presentación do seu fondo fotográfico. O presidente Víctor F. Freixanes agradeceulles aos descendentes deste artesán da imaxe a escolla da institución como depositaria dun legado que é parte da “nosa memoria visual, que cómpre preservar e divulgar”.


“Case medio século despois do pasamento de Francisco Pillado González, é unha honra para a Real Academia Galega incorporar ao seu arquivo esta significativa colección. Pasa así do ámbito privado ao acceso público para a comunidade investigadora e calquera persoa interesada na historia da fotografía en Galicia e do país”, expresou Víctor F. Freixanes.

 

Estonando patacas Colecciu00f3n Francisco Pillado ARAG
Mulleres estonando patacas.


Francisco Pillado González foi un dos máis destacados fotógrafos afeccionados que se agruparon arredor da Sociedad Fotográfica Coruñesa, da que foi vicepresidente. A prensa da época deixa constancia dos diversos premios cos que foi recoñecido e das exposicións nas que participou canda outros amadores. A colección que a RAG pasa a custodiar está composta por unhas 2.000 placas e negativos fotográficos e uns 100 positivos en papel, así como un filme e un visor estereoscópico. 


A familia de Pillado pecha con esta entrega o círculo dun proxecto iniciado hai algo máis dunha década. Arrincara co apoio do fotógrafo José Caruncho, autor da escolma de imaxes exhibida no libro Coruña, catro temas (2014) e a exposición homónima. “El deunos o alento necesario para sacar dos caixóns das nosas casas placas e negativos que levaban anos e anos gardados. Moitos deles, como é natural, recollen só a historia familiar. Pero noutros latexa a vida da cidade, dos recantos que tanto lle gustaban ao fotógrafo, do dinamismo do porto, da dura vida da xente do Muro, de diferentes personaxes que nos traen á memoria sociedades da época”, resume Julia. 

 

Fillos e fillas maiores Colecciu00f3n Francisco Pillado ARAG
Manuel, Carmen, Julia, Matilde e Francisco, fillos do fotógrafo, retratados nos anos 20 do século pasado


Tras esa redescuberta pública chegarían, entre outras iniciativas, diversas exposicións e as colaboracións co documental Esquece Monelos, de Ángeles Huerta, e con Só hai horizonte, obra musical de Juan Vara con poemas de Xavier Seoane. “Agora chegou o momento de depositar todo este material nas mans dunha institución que garante o seu coidado e difusión para todo canto sexa de interese público e sirva para entender e ilustrar o modo de vida e as xentes que poboaron a nosa cidade nunha parte importante do século XX”, engade Julia Tarrío Pillado. 


Un gran retratista
Coma acontece con outros fotógrafos afeccionados da época, nas imaxes de Francisco Pillado advírtese a influencia do pictorialismo, unha vontade estética que o levaba a preparar polo miúdo cada escena. Na súa colección abundan así paisaxes urbanas da Coruña e outros escenarios de vilas próximas como Corme ou Betanzos, espazos portuarios, buques, velames. Pero destacan sobre todo os retratos, moitos deles de mariñeiros, lavandeiras ou labregos, xente pertencente a unha clase social distinta á súa á que sempre se achegou dende o respecto, salienta Julia Tarrío Pillado. “Era un gran conversador, moi humano e próximo, interesáballe realmente a vida da xente que retrataba. Temos a certeza de que a xente que posou o fixo despois de fumaren varios pitos xuntos e unha longa conversa, non dende unha actitude paternalista senón dende o interese verdadeiro”, comparte.

 

O álbum familiar
Fillo do pianista Francisco Pillado Villamil, o fotógrafo medrou nunha familia acomodada da Coruña, pero namorouse de Filomena Rivadulla, filla dunha peixeira e un mariñeiro. “A familia da avoa era xente traballadora do Muro, humilde, como a que tanto retrataría despois o avó”, explica Marga Tarrío Pillado, quen participou tamén na presentación do fondo que se incorpora ao arquivo da Academia. 

 

Cosendo a rede Colecciu00f3n Francisco Pillado ARAG
Mariñeiro cosendo redes. Ao fondo, a Torre de Hércules


A través da súa muller e da fotografía, Pillado González quedou unido dalgún xeito a un mundo, o do mar, que sempre o fascinara. “El quería formarse para ser mariño mercante, pero non era unha idea do agrado dos pais, así que se fixo contable”, prosegue Marga. Dende finais dos anos 40 a parella viviu, coas súas cinco fillas e seus dous fillos, nun piso da rúa Real, moi preto da desaparecida farmacia Pardo Reguera, onde o fotógrafo adoitaba reunirse con amigos cos que compartía afección. “Os netos tiñamos prohibido entrar sós no cuarto escuro, que estaba a carón da cociña. Pasaba alí moitísimas horas. O arquivo tíñao moi ben organizado, e só accedemos a el despois do seu pasamento”, recorda Marga. 


Estes lazos de sangue deixan tamén pegada na RAG, porque ademais das fotos realizadas polo propio Francisco Pillado os seus descendentes facilitaron copias ao arquivo da Academia de imaxes do álbum familiar histórico datadas entre finais do XIX e comezos do XX. Algunhas delas realizáronse no estudio Sellier, un dos pioneiros da fotografía en Galicia. 
 

A Real Academia Galega custodiará máis de 2.000 fotografías de Francisco Pillado González

Te puede interesar