A compañía A Panadaría fai a súa última parada nos teatros coa obra ‘Elisa e Marcela’ e o lugar escollido é especial, o Rosalía de Castro, “a 300 metros da igrexa onde casaron”. Esta derradeira función, á que se sumará outra en Ribadavia en xullo, comezará ás 20.30 horas.
A peza conta coa dirección de Gena Baamonde e a interpretación de Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman. É Bolado quen explica que esta obra “é unha recreación en base aos feitos reais” da voda de Elisa e Marcela na Coruña no 1901. Pero cun pequeno xiro, i é que a súa visión é “dende a comedia”. É algo “inesperado” para o público, “porque a historia ten moitos elementos dramáticos, pero nós o encaramos dende o humor, a homenaxe e a celebración destas dúas mulleres”, subliña a actriz.
O humor é unha sorte de entrada co que tamén se poden “tocar temas serios”, porque pode ser un elemento “moi transgresor que pode servir para a denuncia”. Bolado bromea lembrando que “a nosa directora (Gena Baamonde) sempre di que facemos un humor de acupuntura, que deixamos que a xente se relaxe e, despois, metemos unha agulla, que doe un pouquiño, pero que fala dos temas que é necesario falar”, comenta en relación á esta obra en particular e ao resto de pezas da Panadaría.
Foron seis anos de funcións con ‘Elisa e Marcela’, seis anos que significaron “un cambio total para a compañía”. O cambio débese a que “o seu éxito foi a consolidación da compañía en Galicia e a nosa saída coa xira estatal”. En total, “foron 270 funcións” e doce premios. Ademáis, “é un espectáculo co que temos unha ligazón moi forte co personal”, engade a intérprete antes da función de hoxe no Rosalía.
Esa localización “é a máis especial, porque estreamos hai seis anos na Coruña, é como pechar un círculo”. Sobre a figura de Elisa e Marcela, destaca que “forman parte xa da identidade da cidade, dúas figuras das que gabarnos”.
Sobre a súa ligazón coa vida das protagonistas, indica que as catro “coñecíamos a historia porque formamos parte do colectivo Lgtb e eran unhas figuras moi coñecidas no movemento galego, e tamén polas investigacións de Narciso de Gabriel”. A directora “non entendía” como non había obras sobre o tema e lanzáronse á aventura, “xa despois chegou a película de Coixet”.