Ricardo F. Colmenero gaña a LXXXIV edición do Premio Pérez Lugín

Ricardo F. Colmenero gaña a LXXXIV edición do Premio Pérez Lugín

Ricardo Fernández Colmenero (Ourense, 1977) é o gañador da LXXXIV edición do premio Pérez Lugín co traballo titulado 'El grillo gigante'. O xornalista é licenciado en Xornalimo pola Universidade de Navarra. Redactor do diario El Mundo é tamén columnista da revista GQ ademais de tertuliano habitual na Radio Galega e Radio Marca. En 2018 recibiu o Premio Julio Camba. Como escritor publicou a recopilación de textos autobiográficos 'Literatura infiel' e o ensaio 'Los penúltimos días de Escohotado'.


O premio é de 3.000 euros e unha figura acreditativa, achegados polo Concello da Coruña, que un ano máis apoia esta convocatoria. A cerimonia de entrega será o próximo venres 24 de xaneiro, día no que se conmemora o patrón dos xornalistas, San Francisco de Sales, e data tradicionalmente escollida para este acto.

O tema sobre o que debían xirar os traballos era “Cen anos de radio” para celebrar o centenario do seu nacemento e recoñecer deste xeito a transcendencia das ondas no labor informativo e sumarse así aos actos de celebración da efeméride. Por este motivo, este ano o xurado estivo composto, nesta ocasión, por representantes das radios, aos que invitamos a participar. Yolanda López (Radio Galega), Maite González (Radio Coruña), Xosé  Manuel García (RNE), Ángeles San Luis (Onda Cero), Antía Díaz (Radiovoz), Eva Iglesias (COPE) e  Amparo Ginés (Intercoruña) participaron cos seus votos xunto con Doda Vázquez, Amalia Baltar, Luisa López, Gabriel Barrós, María Salorio, Gemma Castiñeira, Noela Rey, Soledad Parral e Miguel Gómez Longo, da directiva da Asociación da Prensa, Eduardo Eiroa, en representación do Concello da Coruña, e o xornalista Toni Silva, gañador da edición anterior.
 

Actos do 120 aniversario

Ademais do fallo do premio Pérez Lugín, a directiva continúa coa conmemoración dos 120 anos da asociación da prensa, a terceira máis antiga de España, que se cumpriron exactamente o pasado 5 de decembro. O próximo 17 de decembro, ás 20.30, a alcaldesa, Inés Rey, inaugurará coa presidenta, Doda Vázquez, unha exposición sobre a historia da asociación, na Casa da Cultura Salvador de Madariaga.

Dentro das actividades relacionadas coa mostra, haberá varias visitas guiadas por un roteiro do xornalismo coruñés e a cidade de principios do século XX. Desde o Circo de Artesáns, onde nace a APC en 1904, pasando por diferentes lugares ata chegar á exposición, no mismo edificio da rúa Durán Loriga onde ten a súa sede actualmente a asociación.

 

Historial do Pérez Lugín

En 2024 o Premio Pérez Lugín alcanza a súa edición número 84. En 1936, a viúva do xenial escritor da Casa da Troia creou unha fundación co nome do seu marido, dotándoa dun capital, depositado no Banco Pastor, con cuxos intereses debería concederse o premio, segundo rezaba textualmente “ao mellor traballo literario que se presente sobre un tema de Galicia enxalzando a mesma”.

Posteriormente, no 1941, creouse o premio e o gañador da primeira edición foi Eduardo Pérez Hervada. Desde entón obtivérono destacados xornalistas e escritores. A listaxe inclúe a Ezequiel Pérez Montes (1963), Emilio Quesada (1964) o Ángel Padín (1999). Nos últimos años, os gañadores foron Rodri Suárez (2019), Suso Martínez (2020), Javier Quintana (en 2021, aínda que tamén o gañou en 2009), Xavier Lama (2022) e Toni Silva (2023).


A primeira muller galardoada co Pérez Lugín foi Mercedes Modroño (1989), á que sucederon Cristina Amenedo (1995), Lola Roel (1996) e María del Rosario Martínez Martínez (2007).

Ricardo F. Colmenero gaña a LXXXIV edición do Premio Pérez Lugín

Te puede interesar