Rodri Suárez | “Galicia non é un territorio periférico, asoballado, en extinción... todo o contrario”

Acaba de publicar un ensaio para “axitar o debate” sobre os galeguismos e o seu ancoramento no pasado, coa defensa de arquetipos que quedaron sen evolucionar durante máis de catro décadas
Rodri Suárez | “Galicia non é un territorio periférico, asoballado, en extinción... todo o contrario”
Rodri Suárez, co seu novo libro | Mónica Arcay

Os arquetipos aos que se ve reducido o país en diversos relatos dos diferentes galeguismos son un dos motivos que levan ao xornalista Rodri Suárez a tratar de “axitar o debate” coa publicación de ‘Galicia reducida. Crítica ao marco conservador e centralista do autogoberno galego’ (Morgante). Hoxe preséntao na Casares Quiroga (19.30 horas), acompañado da alcaldesa, Inés Rey, e do editor Moisés Barcia.
 

Explica o autor que a súa vertente xornalística e o interese pola política van da man. Mais o que o levou a artellar este ensaio foi que “estou nos 50 anos xa e o galeguismo que eu coñecín de pequeno segue a ser o mesmo”. Apela a que o imaxinario do que se falaba nos anos 70 apenas mudou na teoría, mais na práctica Galicia é un país diferente. “Galicia non é un territorio periférico, asoballado, en extinción... todo o contrario: é un país de grandísimas empresas, un país dinámico, un país normal de Europa occidental, pero seguimos tendo un relato que non reflicte iso”. “O victimismo, esa narrativa incompleta é o que eu chamo ‘Galicia reducida’”, subliña.
 

No libro, Suárez aborda temas moi diversos. Un deles, que o progresismo dos grandes núcleos urbanos (A Coruña e Vigo), que se ve nos resultados electorais municipais e xerais, non teña equivalente nas autonómicas. “Nas eleccións autonómicas, ninguén pensa no centro de Vigo ou no centro da Coruña, seguimos pensando que son as eleccións onde se deciden cousas de agricultura e de pesca, pero non é así, a vivenda, a economía... tamén se decide”, indica Suárez, que resume que “como non está no gran relato do país, hai moitísima abstención urbana”. E a ese respecto, aborda unha idea que xa abordaron “incluso antigos galeguistas”, como é a ausencia en Galicia dunha Barcelona que se opoña ao que denomina centralismo compostelano. 
 

E, nese senso, asume tamén a necesidade de dar pasos para diversificar as institucións autonómicas polo territorio. “A autonomía naceu buscando a proximidade co cidadán, pero ninguén na Coruña ou en Vigo, cando pensa na proximidade da administación, pensa na Xunta ou na autonomía”. Por iso, ve necesario “un novo relato do galeguismo, que ten que pasar por estar máis presente nas grandes cidades”.
 

Reflexiona tamén sobre a ausencia de reflexión sobre a inmigración, por exemplo. “Son de Fisterra, alí os senegaleses son decenas traballando no peixe, tal vez porque nós xa non queremos facelo. Están os galeguismos falando diso? Non, pero son cousas que hai que plantexar e, se non se fala, demostra o marco conservador de querer manter o un país idéntico ao de hai medio século”, asegura. 

Rodri Suárez | “Galicia non é un territorio periférico, asoballado, en extinción... todo o contrario”

Te puede interesar