Soledad Agra, deputada de Igualdade: "Os rapaces non teñen nin idea de cuestións que se daban por sabidas"

Soledad Agra, deputada de Igualdade: "Os rapaces non teñen nin idea de cuestións que se daban por sabidas"
Soledad Agra, co lema da campaña 'Mulleres do pasado, semente de futuro'

O impulso de medidas para cocontribuír ás oportunidades, a colaboración cos distintos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes e o asesoramento, asistencia e apoio técnico na materia a calquera colectivo son misións das que se ocupan na Área de Igualdade da Deputación da Coruña. Con motivo deste Día da Muller, a diputada Soledad Agra Tuñas analiza a situación actual, os avances e as eivas aínda por resolver, e como afronta ela un 8-M “no que, como cada ano, visibilizamos unha situación que dura os doce meses” e no que se verifica que, a pesar de ter superados moitos obstáculos, “se sigue dando en moitos ámbitos” e que “dende as institucións temos que reivindicar o respecto á diversidade, así como a eliminación de calquera discriminación por razón de identidade de xénero ou orientación sexual”, indica Agra.


Así, despois de convocar as subvencións para apoiar económicamente a aqueles colectivos da provincia que traballan cada día pola igualdade e a integración da muller, e do impulso de campañas culturais e educativas, insiste neste último apartado como crucial “para que algún día o 8-M non teña que ser unha xornada de reivindicación, senón só de celebración” do Día da Muller.
 

Para Soledad Agra, nun tempo no que desde determinados sectores “se está intentando desprestixiar os logros acadados”, é necesario aclarar que “non son logros que se conseguiran de arriba a abaixo, senón de abaixo a arriba”, que “lexislouse para que a igualdade das mulleres aparecese recollida na Constitución”, pero esa igualdade legal “non se traduciu aínda en igualdade real”, indica a deputada de Igualdade.
 

De aí o axeitado dunha campaña que, co lema ‘mulleres do pasado, semente do futuro’, pretende “poñer en valor o traballo de moitas, ás que incluso lles custou a liberdade ou a vida” e advertir de que “dereitos que parecen inamobibles, en moitos países se están tambaleando”, engadiu a tamén edil en Outes.
 

Con esta iniciativa preténdese render homenaxe ás mulleres que, dende o anonimato, loitaron por cambiar o mundo, buscando un mellor futuro para as devanceiras xeracións, e que forman parte da historia cotiá das familias de Galicia. A campaña, que achegan estes días aos colexios da provincia, pon o foco sobre o pasado para que as novas xeracións vexan que as súas bisavoas, avoas ou nais non viviron esta situación, “que non foi doado chegar ata aquí, que elas loitaron moito, e non imos dar un paso atrás”, comenta Agra.
 

Os mozos e mozas dos distintos concellos, a través de entrevistas e conversas con esas avoas, descubren unha realidade  que descoñecían: “Sorprende ver como de cuestións que se daban por sabidas, non teñen nin idea... De verdade, avoa? De verdade que para aceptar un traballo tiñas que ter o permiso do teu pai?”.
 

No discurso institucional de Soledad Agra con motivo do Día da Muller tamén se falará de fútbol para deixar claro, a modo de exemplo, como queda “moito camiño” por andar, e para iso comparará os 0,5 millóns de euros de prima que cobraron os homes en xullo pola Liga de Nacións, e os 8.000 euros que lles corresponden ás xogadoras da selección feminina, que acaban de acadar o mesmo título, e tan só seis meses despois de gañar o Mundial.
A maioría das campañas da Deputación da Coruña diríxense aos centros educativos porque “son unha peza esencial” na promoción da igualdade e, tras constatar que “á hora de que rapazas e rapaces escollan os seus itinerarios formativos os estereotipos e os roles de xénero entran en xogo”, desenvolvéronse accións para diminuír a segregación ocupacional do alumnado, así como outras orientadas á prevención do acoso e da violencia de xénero “porque nas parellas novas, aínda que pareza incrible, existe moito descoñecemento sobre o que é violencia e o que non”, di Agra.


Na súa opinión, en moitos casos, “a pornografía está suplindo  o que debería ser educación sexual”, e con todo o que iso conleva, a normalización de actitudes machistas e violentas... “Temos que traballar tamén moito nesta cuestión”, continúa Soledad Agra.
 

Un dos compromisos de Igualdade da Deputación da Coruña pasa por colaborar cos distintos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes en accións que contribúan a conseguir a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e, neste sentido, interpelada sobre as diferenzas que aínda se dan entre os municipios do rural, a maioría no territorio coruñés, e as áreas urbanas, a deputada asegura que, a día de hoxe, son aínda evidentes no acceso aos recursos e á información, que resulta complicado dispoñer deles na súa contorna, “maís aínda tal e como ésta o transporte público en Galicia”.
 

Este venres, ás 11.00 horas, haberá un acto institucional no vestíbulo da Deputación da Coruña, que contará coa lectura dun manifesto por parte de Agra e a actuación musical de Guadi Galego, que coa súa canción ‘Matriarcas’ pon voz á historia desas “aleitadoras, conquistadoras, brillantes activistas da vida cotiá” que tanto sumaron en Galicia.
 

Esta campaña terá continuidade durante todo o mes de marzo coa difusión de material informativo entre os centros educativos da provincia, cunha cronoloxía sobre fitos históricos acadados grazas á loita das mulleres e, o vindeiro día 21 celebrarase un encontro no IES Rosalía Mera con algunhas das que participaron nos vídeos do alumnado de todo o territorio da Coruña. Alí, visualizaranse as pezas máis votadas e homenaxearase a esas mulleres que cos seus esforzos sementaron futuro... De verdade, avoa? l

Soledad Agra, deputada de Igualdade: "Os rapaces non teñen nin idea de cuestións que se daban por sabidas"

Te puede interesar