Tras o concerto recente na compostelana sala Malatesta, The Rapants auguran un “festón” mañá no Inn Club da Coruña (21.00 horas), onde presentarán o seu disco, ‘O corasón como un after’, no marco do ciclo de Directos Vibra Mahou. “Esperamos que a xente que veña á Inn disfrute tamén dunha festa, que salte, que cante, que baile... e que nos faga bailar a nós tamén”, apunta Xanma, vocalista do grupo muradán.
A banda naceu no 2018 e, ao pouco de ver a luz, sufriu a pandemia. “Sufrimos aí dous anos sen case gravar e tiñamos a espiña clavada de facer un álbum”, comenta Xanma, que explica que ‘O corasón como un after’ describe como se sentían nese momento, “sobre todo, pola parte de Samuel, que se tuvo que operar do corazón por un problemiña... Resume un pouco o tema do amor, a festa, as preocupacións da nosa xeración, que confluían nesa figura do corazón”.
Unhas preocupacións que trascenden en varias das súas cancións, non só en referencia ao seu ámbito, o musical, senón a “calquera rama laboral, parece que hai que traballar e esforzarse por alcanzar unhas metas e parece que, moitas veces, hai que renunciar a cousas que nos gustan, ou que nos gustaría non ter que renunciar, a cambio dun éxito profesional que, ás veces, non nos acaba de satisfacer de todo”, subliña Xanma, que cree que algunhas desas letras xiran nese sentido, “que percibimos por amigos e compañeiros, algo común na nosa xeración”, e que comparten en temas como ‘A Vida’, “o tema que fixemos con Nuno (Grande Amore) e que fala desa temática, que é algo que él tamén ten recurrente”.
Precisamente, neste disco, The Rapants contan con varias colaboracións, como a de Grande Amore, que “xorden de amizades, que pensamos que podían enriquecer algunhas cancións”, pero puntualiza que “nunca as facemos por facer unha colaboración sen máis”. Así, comparten tema con Nuno, con Galician Army e un terceiro, ‘As Kimbambas’, que querían facer con Migui, de Terbutalina, que chegou a enviarlles a primeira estrofa. O tema non o puideron gravar xuntos, pero mantiveron esa estrofa e contaron coa posibilidade de que María Galdón puxese a súa voz.
Sobre os concertos, Xanma lembra sen poder aguantar a risa que cando comezaron, no 2018, “fixemos un par de concertos lamentables, quixemos tocar antes de aprender a tocar”. Mais, na actualidade, a cousa é ben distinta e nos concertos ven, ademáis, o ben que se está a recibir o novo disco: “o outro día na Malatesta non nos fixo falta cantar ‘O avión’, porque cando a xente se deu conta de que era a seguinte, non nos deixaron tocar”.