No 2017, Víctor F. Freixanes asumiu a presidencia na Real Academia Galega (RAG), nun clima de certa tensión, que non foi a máis. Oito anos despois, o seu mandato chega ao seu fin e o balance persoal é positivo, aínda que ten claro que iso ten que valorarse desde fóra. A comunicación coa sociedade, a financiación da entidade ou a reforma da sede na rúa Tabernas da Coruña foron algún dos retos aos que tivo que facer fronte neste tempo.
Qué balance fai destes oito anos na presidencia da RAG?
O balance do traballo téñeno que facer mellor outros dende fóra, porque un está moi implicado. Eu, desde dentro, o único que podo falar é de oito anos moi intensos dedicados a tempo total á institución e onde fixemos moitas cousas, sobre todo no ámbito da comunicación, na proxección da Academia cara o exterior, cara as novas xeracións, aí fixemos un traballo importante, ou polo menos esforzámonos moito nesa dirección. Despois o que é fortalecer os equipos internos, colaboradores e tamén o clima, que iso é un mérito de todos os académicos, de construir un clima de traballo que, dende o respeto pola discrepancia, fixemos moito durante todo este tempo. O diccionario, a onomástica, a sociolingüística, a intervención cara o exterior na defensa dos valores da lingua... eso está aí. Eu síntome moi orgulloso destes oito anos, sinceramente.
¿Hai algún proxecto ou logro do que sinta máis orgullo?
No ámbito da comunicación, non hai máis que abrir a páxina web da Academia e ver a oferta variadísima que hai na rede e que nós traballamos aí, non só na web da Academia, senon tamén a acción e a presenza nas redes sociais. É algo que creo foi un salto cualitativo importante da Academia. Pero despois houbo moitas cousas, desde a dixitalización de fondos, incorporación de fondos novos, está o tema da obra da rúa Tabernas, que tamén está aí, creo que a finais deste ano poderemos comezar a ocupar o edificio. Foron moitas cousas. E despois hai moitas que aínda quedan por facer, lóxicamente, traballos que aínda están en marcha: o tema da gramática, o diccionario castelán-galego... pero que están moi adiantado e espero que antes de finais de ano podamos ver resultados..
Un dos desafíos que mencionaba no 2017 era afrontar esa reforma da sede. Tardou, pero conseguiuse.
Sí, pero as cousas de palacio van despacio, que din os clásicos (sorrí). Entonces, bueno, conseguiuse e a verdade é que temos que agradecer a sensibilidade do Goberno de España para iso. Porque isto foi un concurso público. Temos un arquitecto estupendo, que é Gonzalo Moure, galego de Tui, que ten moita experiencia na rehabilitación deste tipo de edificios e que está asumindo o proxecto dun xeito casi persoal e entusiasta. O único que podo dicir son cousas positivas aí. Eu dicíalle sempre ao arquitecto: “queremos un edificio e unha Academia que teña memoria de mil anos de historia da lingua e máis de cen anos de historia da institución, pero unha lingua e unha cultura instalada no século XXI”, e iso tamén se vai notar no deseño do interior do edificio, con todo o respecto ao patrimonio que significa un edificio destas características na rúa Tabernas, no corazón da Coruña.
No momento do traslado temporal, houbo críticas, como a da condesa de Pardo Bazán, que dicía que era unha pena que todo o que alí se gardaba non puidera verse durante a reforma.
Claro, e nós estamos dacordo. Intentámolo. Petamos na porta do Concello, petamos na porta da Deputación, petamos na porta da Xunta de Galicia e non foi posible encontrar un espazo para reunir iso. O que queriamos era crear unha especie de espazo onde puidese visitarse a memoria dunha escritora como é Emilia Pardo Bazán, á que a Academia lle debe moito e que ademais é un dos grandes patrimonios que ten a cultura de Galicia. Pero non foi posible. Está perfectamente custodiado, gardado en condicións impecables de conservación, e agora, cando volvamos á rúa Tabernas, como está establecido na herdanza que no seu día as herdeiras de Emilia Pardo Bazán cederon á Academia, pois a primeira planta do edificio estará reservada para a memoria histórica de Emilia Pardo Bazán, ademais dos fondos que están aí, que eses sí que están accesibles. Por exemplo, o fondo bibliográfico, a biblioteca, a documentación, o arquivo... todo iso sigue perfectamente accesible para os investigadores na situación actual. A parte museística foi a que houbo que adiar, como todo o conxunto da Academia.
Outra das preocupacións cando accedeu á presidencia era a financiación. Falaba de captar o interese da sociedade civil, como fan a academia vasca ou a catalá. Logrouse avanzar nestes anos?
Pois non, sinceramente non avanzamos moito. Intentámolo, pero non avanzamos moito. Primeiro, porque tamén tivemos tantas ocupacións que, se cadra, tiñamos que adicarlle máis tempo a iso. Están abertas moitas portas e está pendente tamén unha pequena reforma dos estatutos da Academia que nos permita actuar aí, se cadra na proporción dunha fundación ao redor da Academia... na nova etapa eso está pensado, pero será cousa que terán que continuar os que se fagan cargo da Academia nos próximos meses. A parte da implicación da sociedade civil en feitos concretos, sí, cando se trata da celebración do Día das Letras Galegas, algún acto puntual, pero o que é a achega económica para gastos correntes da Academia, eso está sempre pendente da sensibilidade, digámolo así, das administracións públicas. E nalgúns casos, con problemas, porque hai administracións públicas que non sempre poden dispoñer dese diñeiro para a Academia facilmente, porque o teñen que xustificar. Nós, o que procuramos é levar todo isto cunha transparencia de luz e taquígrafo, que ninguén pode dicir que hai algunha irregularidade.
Nese ámbito institucional, cómo foron estes oito anos as relacións coas administracións públicas?
É unha relación que intentamos que sexa sempre respectuosa, porque as administracións públicas son tamén unha expresión da vontade popular a través das eleccións. Sempre respectuosa pero tamén crítica, porque a Academia é unha institución científica que vela pola lingua galega, que estudia a lingua galega e que pón enriba da mesa os problemas da lingua galega. Entón, non sempre son ben recibidas as críticas, aínda que por ambas partes a relación é de respecto e tampouco eu teño ningún reproche que facer nese sentido. Si acaso, pedir que debería haber unha política da lingua moito máis esixente e comprometida do que é.
Precisamente, sobre a situación da lingua. Vendo os datos máis recentes, que refrendan a perda de falantes, ve factible que ese pacto pola lingua do que fala o conselleiro chegue a bo porto?
Ese pacto pola lingua propúxoo a Real Academia Galega hai agora un ano, formalmente o Día das Letras Galegas na Coruña. Despois tivemos á administración pública, a consellería e a Presidencia fíxose eco del e púxose a traballar. Cremos que ese pacto ten que estar aberto a toda a sociedade e ninguén pode quedar fóra. É unha chamada aos partidos políticos, pero tamén é unha chamada ao propio Goberno, porque a iniciativa é sempre de quen ten o poder. Non pode quedar fóra ninguén dese encontro pola lingua, non só o mundo da política, o mundo da sociedade civil tamén, as empresas, o asociacionismo cultural, o asociacionismo deportivo, as universidades... a lingua é un patrimonio común que non admite que ninguén, polo menos nós non podemos aceptar que ninguén se sinta propietario dela, pero que tampouco ninguén se sinta co poder de excluir a ninguén.
No 2017 falaba de que, como sociedade, faltábanos autoestima para que o galego rexurdira. Qué habería que facer para que esta autoestima medre?
A autoestima medra na medida en que a sociedade perciba que o galego é útil. Que é útil economicamente, que é útil socialmente, que está utilizado con orgullo e fachenda por parte das forzas políticas e das forzas sociais, e dos sectores dominantes da sociedade, que son os que dan exemplo para ben e para mal. E, nesa medida, a autoestima sube. Se a lingua galega sigue sendo considerada unha lingua, como dicían os meus avós, os pobriños, a lingua dos pobres, pois mal asunto. Esto vai moi vencellado á propia dinámica pública da sociedade no seu conxunto, dende o plano político, dende o plano económico, dende o plano cultural...
O importante é que haxa continuidade respecto do que se fixo en todos estes anos, que creo que se fixo ben e se pode facer mellor
Cómo cre que debe evolucionar, ou seguir, a comunicación da RAG para atraer ás novas xeracións?
Pois neso estamos. Se entras na web da Academia, verás a cantidade de oferta que temos, tamén pensando nos mestres, nas familias e nas novas xeracións como creadoras. Propuxemos no seu día unha iniciativa que era ‘Novas voces para a lingua’, onde mozos e mozas que saían da facultades de comunicación puidesen producir tamén material para colgar na Academia, que a Academia sexa un escaparate. Iso ten que ver coa política lingüística do país e ten que ver con ese pacto social integrador que suma a todos. Cando o Dépor en Riazor, o Pontevedra en Pasarón ou o Celta en Balaídos utilizan o galego e o galego está alí presente nas bancadas, iso tamén fai país, e iso tamén axuda a que esas novas xeracións entendan que a lingua non é só unha etiqueta para sacar en procesión no púlpito do Parlamento ou nos discursos dos políticos, senón que está na vida e na parte máis alegre, máis leda, máis optimista da vida. E temos que conseguir que eses equipos estén en condicións, claro, se van a perder todos os partidos... (rí).
Retomando o futuro da Academia, no seu momento, vostede propuxo a Rosario Álvarez como presidenta...
Pero ela tiña outros compromisos e non puido ser. Porque non quixo, conste, nós foi a proposta que fixemos. Nese momento, asumín eu a presidencia.
Alberga agora esperanza de que a Academia teña por primeira vez unha presidenta?
Pode ser. Pero os académicos son os que teñen que tomar esa decisión, non é o presidente. E moito menos o presidente saínte. Eu teño unha opinión como académico e como persoa, que loxicamente teño que respectar porque o debate e as propostas son as propostas. O importante é a continuidade, que haxa continuidade respecto de todo o que se fixo en todos estes anos, que creo que se fixo ben, e que se pode facer mellor, loxicamente. Na miña etapa na executiva houbo sempre tres mulleres, de cinco, e tres mulleres que estamos falando de mulleres de primeiro nivel, non estamos falando de facer política de xénero, senón de mérito: Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey e Margarita Ledo. Cada unha na súa especialidade son de primeiro nivel neste país e na Academia fixeron un traballo magnífico. E xa non digo a cantidade de académicas que entraron nestes últimos oito anos. Falo de memoria, habería que botar unha ollada aos ingresos na Academia, tanto numerarios como, sobre todo correspondentes. Hai que pensar que na Academia somos vitalicios, hai que esperar que haxa baixas para poder incorporar novas persoas. Pero hoxe o papel da muller na sociedade é imparable e, por tanto, a Academia non é un elemento que viva fóra da sociedade.
Sexa quen sexa, qué consello lle daría?
Consello ningún, porque todos teñen unha capacidade obxectiva para xestionar a institución, sen dúbida ningunha. Pero eu traballei moito por buscar ese espazo de encontro, sempre espazos de encontro, aceptando a crítica de cada un e aceptando que non todos pensamos da mesma maneira, pero ten que haber espazos onde podamos traballar xuntos ao redor do proxecto de futuro. E iso sirve para a Academia e para o conxunto da sociedade galega.
Falaba antes de que hai proxectos que aínda non están rematados, hai algún que sexa unha espiniña clavada?
Non. Cónstame que todos os proxectos, por exemplo a gramática, que efectivamente aínda non está rematada, pero eu sei como están traballando os equipos e o ambiciosísimo proxecto que hai detrás da gramática. E logo, o diccionario castelán-galego tamén é outra das demandas sociais obxectivas que estamos traballando, están rematados os contidos e está en fase de informatización, para facer as pontes entre o diccionario que está vixente e o novo. Hai unha chea de cousas que están aí e que creo nos próximos meses van ser noticia.