Xulia Santiso | “Canto máis saes da Coruña, máis queres volver”

Con media vida adicada ao Museo de Pardo Bazán, era inevitable que se contaxiase do seu amor por Marineda, unha cidade que adora e na que o principal defecto sinala que é “o nordés”
Xulia Santiso | “Canto  máis saes da Coruña, máis queres volver”
Xulia Santiso, no conxunto escultórico dos Menhires, no parque da Torre | Carlota Blanco

Entrevista CTV

 

Calquera que fale máis de dous minutos seguidos con Xulia Santiso sabe que ten dúas teimas no seu vocabulario persoal: unha é Emilia Pardo Bazán e outra é Marineda, dous termos que aparecen constantemente na conversa desta coruñesa que o destino quixo que nacera un pouco máis abaixo, en Vilagarcía, aínda que fixo méritos para ter o carné de coruñesa: “Eu levo aquí... 35 anos. Chegará? E con currículo. Sei o sitio que piso, coñezo Coruña”, comenta.

 

Seguro? 
Si. Porque estando con Pardo Bazán tes que coñecer como se formou Marineda.

 

Cal é o seu primeiro recordo da Coruña? 
O grande e o rápido que ía todo. Que eu veño dun pobo. Aínda que Vilagarcía pareza unha vila segue sendo un pobo. Iso e non enterarme como era iso dos dous mares, “el de la bahía y el  del varadero”, como dice Pardo Bazán. E confundíame e aparecía onde non era. Cando te enteras dese itsmo xa eres case CTV.

 

E por que chega ata aquí? 
Porque casei cun mozo da miña Facultade de Historia.

 

E onde ‘fondeou’ daquela? 
Recalei na rúa da Torre. Pero o edificio non tiña luz. E eu necesito luz, son coma unha planta, como un fento, e acabamos neste polígono de Durmideiras, nun piso con sol e orientado ao sur.

 

Durmideiras é un barrio que moitas veces reclama que non se lle dá a importancia debida. Concorda con isto? 
Si, por suposto. Mesmo esa intervención de poñer un centro comercial novo alterou todo. A cafetería dá ao norte, co importante que é o uso do sol neste lugar. Hai unha ‘pollería’ que tiña que ser unha pescaría e ao revés... é unha cousa rara. Tamén é verdade que non hai sentimento de ‘patria’, aínda agora, que hai moitos anos, e falta un movemento veciñal contundente. Hai xente pero non hai conciencia de barrio.

 

Que outros barrios son tamén os seus? 
A Cidade Vella, porque levo toda a vida traballando alí. O primeiro museo onde traballei foi no de Arte Sacra, con don Rafael de xefe, con Gallego facendo esa preciosidade de intervención arquitectónica. A praza da Fariña, a rúa da Torre... esa é a miña zona. E, neste momento, o polígono de Pocomaco (ri).

 

Cando alguén escoita falar máis de dous minutos a Xulia Santiso respira o amor que sinte por Emilia Pardo Bazán... 
Case lésbico (ri). Falando cun secretario xeral, dicíame: Pero ti metes a Pardo Bazán en calquera sitio. E si, porque se pode. O seu discurso e as súas áreas de interés eran tan enormes que cabe en calquera sitio, desde a emigración, maltrato, feminismo, guerras, a moda... dálle a todo. A súa visión é moi ampla. Meu pai dicía que eu son avogada de causas perdidas e esta señora é unha causa moi perdida. Require moita atención desde o popular,  o político, desde o feminismo... está desprotexida e é unha mágoa.

 

Cando comezou ese amor pola escritora? 
Sabes que tardei tres anos en montar o primeiro museo? E en tres anos unha relación estréitase moito. Non era capaz de reducíla, ela superábame. Empezas a investigar e hai moitísimo que saber. Ter que resumir a unha muller infinita, como moitos sabemos que é...

 

Como chega ao museo? 
Eu son museóloga. Unha amiga, Marta Fajardo, que morreu hai uns anos e a que se lle bota moitísimo de menos, sabía que na Real Academia estaban pensando en revitalizar ese museo. Presentouse por se necesitaban restaurar e o que lle dixeron é que querían un museo. E díxome: “Xulia, é para ti”. Presentei tres proxectos: un moi moderno, outro historicista e unha mestura dos dous, que foi o que aceptaron. Iso foi no ano 2000, e no 2003 inauguramos. 


Que bota de menos cando non está aquí? 
É que esto xa é a miña casa e a miña patria. Dicía Pardo Bazán: “Marineda, cuanto más viajo más justicia le rindo”. É certo. Canto máis saes, máis queres volver.

 

Como ve a evolución da cidade nos últimos anos? 
Vexo moi pouca atención á cultura. Vexo intentos de descentralizar, ir aos barrios, dinamizar... os alicerces eran bos, con esa rede de bibliotecas, paradigmática para o resto do Estado. Penso que hai moito traballo por diante e que hai que facer base. Hai que coñecer o sitio que pisas.

 

E cal cre que é o principal defecto da Coruña? 
O Nordés (ri a gargalladas). A cidade ten un punto ‘coruñento’ que ao final acabas apreciando. Forma parte de nós, eu tamén son un pouco ‘coruñenta’. E esa fachenda de ser de onde eres forma parte de ser coruñés.

 

Cando ven alguén de fóra, onde o leva? 
Pois aos menhires. A casa de Pardo Bazán... lévoos sempre ao Seixo Branco, porque son moi de pedras e esa cicatriz branca da costa é marabillosa. E a San Andrés de Teixido se hai tempo. E á cidade modernista, pola rúa Ferrol e, por que non dicilo, pola rúa Emilia Pardo Bazán, que é das máis bonitas desta cidade. Sabes que a esa rúa puxéronlle o nome despois de que Emilia dera a súa conferencia en París? Para darlle honra por iso.

 

De viva... 
Si. A conferencia deuna no 1889 e  o 12 de febreiro de 1900 puxéronlle a rúa.

 

Dalgunha maneira entón recoñecemento dos seus tiña... 
Pardo Bazán? Por suposto. Non pode ser anulada, ela mesma non o permitía. Traballou moito para estar aí e iso non é algo que a xente considere feminino e iso foi un rexeitamento. Porque era ambiciosa e unha muller, como ti sabes, non debe ser ambiciosa.

 

Normalmente pregunto a que época no tempo da Coruña viaxaría pero no seu caso...  
Pois non creas que me rechista moito iso das viaxes no tempo, porque non só hai que decidir onde, senon como; escoller a clase social e incluso o sexo. Vou ir axudar? “Maxestade, non se fíe nada deste Lerma...”. A participar? Á primeira Bauhaus, sen dúbida. A mirar? Como muller privilexiada, gozaría no medio da familia Médicis. Aínda que tamén me gustaría formar parte dunha época na que non houbera desigualdade por sexo, así de idealista son, e para iso debería ir moi, moi atrás, quizáis ata o mesolítico. Iso si, escollería sempre Galicia. Aquí estase ben, incluso atrás na historia. E, se teño que centrar máis o tiro, por suposto, entre os anos 1851 e 1921, en Marineda.

 

E de que lle gustaría falar con dona Emilia? 
Pois non sei, penso que a Emilia hai que escoitala. E despois xa miraría por onde ir. Cando levas tanto tempo traballando un personaxe tes moitas claves por onde ir. Eu penso que esperaría, malia todo o que falo, a que ela me confirmara que estou no correcto. E, por suposto, o que faría sería rir moito, porque sei moitas cousas que ela tamén sabe. 

 

Preguntas cascarilleiras

Churros de Bonilla ou do Timón?
Do Timón. Sabes que se fixo porque estaba na porta da Fábrica de Tabacos, non? Cos cartos das cigarreiras que ían comprar alí...

 

Si que é verdade que acaba metendo a Emilia e as súas novelas en todo... 
É o que hai (ri).

 

Xardíns de Méndez Núñez ou monte de San Pedro?
Xardíns. É unha mágoa que non se utilicen máis e que non se pasee máis por eles. O monte de San Pedro está lonxe para ir pasear.

 

E, ademais, está a estatua de dona Emilia...
Claro (sorrí)

 

Rúa da Estrela ou da Barreira?
Dáme igual, unha vez metidas en fariña... dá igual onde tomes a caña ou o viño. Incluso as dúas, non hai por que escoller. Non son eu moi de ir tomar viños, a verdade...

 

Auga de Emalcsa ou embotellada?
Do grifo. Está boa. Bebo do grifo. Canto máis te inhibes das bacterias máis dano fan. Temos que convivir co planeta.

 

Praia de Riazor ou do Orzán?
E non pode ser o Matadoiro? Matadoiro por Deus. Riazor e Orzán, ás veces non se pode nadar, e eu son de nadar. Era Berbiriana, a praia dos nenos pequenos... que casualidade que alí vertera o sangue do Matedoiro, que cousas.

 

A pe ou en coche?
Gústame ir a pé. Teño moto e teño coche. A moto é útil eses poucos meses que se pode usar. Tamén o bus, que é un servizo moi cómodo. Pero non, gústame camiñar moito. Poño os cascos e a camiñar...

 

É dos sabores tradicionais da Colón ou da Ibi ou prefire os xeados modernos?
Tradicional, tradicional. O que pasa é que ás veces hai tanta cola... Como se chama este, o que ten unha vaca...

 

Bico de Xeado?
Ese. E ten un de chocolate con trozos de laranxa que me ven e xa empezan a servilo. E, por suposto, sen culler, residuos cero.

 

Unha verbena de barrio ou un concerto no Coliseo?
Gústame todo. Acabo de estar na ópera e foi emocionante ver ‘La Bohème’. A Panorama, a verdade, non me gusta moito pero gústame dar botes. Esta fin de semana vou ir ver a Baiuca...

 

Entroido ou San Xoán?
Dos dous (ri). Teño a fortuna de ter unhas amigas que se disfrazan. Pero o San Xoán é a festa telúrica por excelencia. Meus fillos, onde estean, teñen as herbas, aínda que sexa en foto. É o comezo do ano, limpar as malas cousas que levas enriba...

 

Máis de chorbo ou de neno?
Neno, por Deus, ‘de toda la vida’. Non ves que son case montealtesa? (ri divertida).

Xulia Santiso | “Canto máis saes da Coruña, máis queres volver”

Te puede interesar