Antón Crestar foi un dos grandes expoñentes da emigración galega no Uruguai no século XX. Recuperar a súa figura e visibilizala publicamente é o obxectivo do protocolo de colaboración que asinaron hoxe a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez e o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo. No acto de sinatura estaban presentes Catalina Morado, concelleira de Educación, Cultura, Comunicación, Participación Cidadá, Transparencia e Igualdade, máis Pilar Cagiao, profesora de Historia de América e coordinadora do Grupo HistAmérica da Universidade de Santiago de Compostela.
Rosario Álvarez destacou na súa intervención a importancia da colaboración institucional e cidadá para contribuír a construír a historia do país. “Só coa colaboración da poboación, dos que si saben cal foi a historia de cada emigrante é posible construír a historia de todos eles e renderlles homenaxe” apuntou. Pola súa banda, o alcalde de Miño afirmou que “para nós esta relación que hoxe iniciamos é un fito moi importante,” ao tempo que engadiu que “Antón Crestar Faraldo, fillo predilecto deste Concello, e aínda un gran descoñecido para a veciñanza a pesar da súa relevancia como galeguista, artista e emigrante”.
Pilar Cagiao explicou que “esta unión tamén permitirá levar a cabo unha exposición sobre a figura de Antón Crestar, nas súas diversas dimensións xa que el foi artista, escritor, emigrante con inquedanzas políticas” e indicó que “tratarase de recuperar documentación, fotografías e voces en torno a Antón pero tamén do resto de emigrantes miñenses que foron a Uruguay”.
Neste 2023, cando se cumpren corenta anos do pasamento de Antón Crestar, desenvolveranse seminarios, xornadas e encontros para destacar a súa figura de Antón Crestar e o seu papel na emigración en Uruguai. O acordo tamén contempla o desenvolvemento de publicacións e produtos dixitais para promover o coñecemento público sobre Antón Crestar, a dixitalización ou o intercambio de documentación entre entidades colaboradoras. Ademais, a sinatura do protocolo contempla a creación dunha comisión mixta, integrada por dous representantes do Concello de Miño e outros dous do Consello da Cultura Galega, para coordinar as actuacións previstas e garantir o cumprimento do convenio.
Antón Crestar Faraldo naceu en Telle (Miño) en 1896 e sendo menor emigrou a Uruguai, onde se estableceu. En Montevideo foi un dos fundadores da Irmandade Galega do Uruguai. Ademais, presidiu o xerente da Escola Galega e do Centro Galego.
Crestar estudou na Escola Nacional de Belas Artes e dedicou a súa vida profesional á Escultura. En 1973 foi galardoado co premio Vieira de Prata e en 1982 nomeou fillo predilecto de Miño. Un ano despois morreu en Montevideo aos 87 anos.