Degusta A Coruña, o congreso gastronómico que reivindica a excelencia da provincia, comezou este luns con sendos actos na Confraría de Barallobre, en Fene, e no antigo Matadoiro de Betanzos. Hoxe estará en Padrón e Boiro. O vicepresidente da institución, Xosé Regueira, achegouse ata a capital do Mandeo e alí explicou o obxectivo de Degusta A Coruña: “Poñer en valor o noso sector agroalimentario, que é o noso principal produto turístico, e ademais de falar de ‘futurismo’: o futuro do turismo e da gastronomía”, salientou o tamén responsable da Área de Turismo.
Na Ribeira de Betanzos, os asistentes tiveron a oportunidade de achegarse á cultura vitivinícola da comarca, coa mesa redonda ‘Os Grandes Descoñecidos: IXP Terras de Betanzos”. Unha actividade na que se puxo en valor os viños desta Indicación Xeográfica Protexida de Galicia. Na mesa interviron José Bouzón, de Casa Beade; Luis Sande, de Pagos de Brigante; Xosé Antonio Meixide, de Adegas Bordel; e Juanjo Figueroa Treus, da Asociación Galega de Sumilleres (Agasu). Os relatores compartiron coa sala os segredos e as peculiaridades dos viños da Terra de Betanzos.
Cada un dos expertos comentou a súa experiencia na recuperación de espazos ás beiras do Mandeo e o Mendo, nos que antigamente houbo viñedos, a súa aposta polas castas autóctonas como Branco Lexítimo e Agudelo, e os caldos de calidade, incidindo na especial orografía, e as condicións de luz y temperatura máis acaídas para a elaboración de viños singulares. “Únicos”.
A xornada continuou coa ‘Cociña a Oito Mans’, cos chefs Luis Veira e Álvaro Gantes, do restaurante Árbore da Veira (Estrela Michelín) e Lolo Mosteiro e Paula Martínez, da Artesa da Moza Crecha de Betanzos, que ofreceron unha experiencia de cociña no establecemento destes últimos, ao carón do Mandeo.
Uns e outros compartiron un xantar-cóctel maridado con productos de proximidade e viños da IXP Terras de Betanzos ofrecidos por Mosteiro e Martínez. Pola tarde celebrouse unha xornada online onde se falou do mundo da distribución e da alimentación na provincia, con Melisa Pagliaro, de Gadisa; Marta Cid, de Grupo Cuevas, e Yago Díaz, de Delikia, e do impulso do e-commerce, con Eduardo Sanjurjo, de Kibus, y Miguel Ángel Roig, de Os Biosbardos como relatores dun coloquio, moderados por Judit Cabana, vicepresidenta do clúster E-Commerce Galego.
A xornada rematou coa tertulia ‘IXPS e asúa importancia para reivindicar uns viños únicos’, con Paco Crusat, de Entre Os Ríos; José Bouzón, de Beade, e Juanjo Figueroa Treus, de Agasu.