A última edición da Feira Histórica 1900 en Arteixo tivo como eixo central a vida nos pazos locais e o texto difundido polo Concello para promocionala, escrito por Xabier Maceiras, lembraba que no municipio houbo, no seu momento, máis dunha ducia destes edificios, algúns deles con gran protagonismo cultural nos séculos XIX e XX, coma o de Anzobre –que no 1899 herda Manuel María Puga y Parga, Picadillo, e que visitan figuras como Manuel Linares Rivas, Wenceslao Fernández Flórez, Emilia Pardo Bazán ou os pintores Germán Taibo e Manuel Abelenda–. Ademais do de Anzobre, aínda poden verse o de Atín (Loureda), o das Covadas (Sorrizo) ou o de Mosende (Lañas).
Outros foron restaurados (Villariza) ou retocados con pouca sensibilidade, como o de Figueiroa (Arteixo) ou o do Fidalgo (Sorrizo); algún está a piques de derrubarse (Galán, Oseiro) e outros que xa hai tempo que desapareceron, como os de Suevos ou Laxobre.
Xabier Maceiras vén de publicar no seu blog ‘Crónicas de Arteixo’ un achádego na prensa da emigración galega en Cuba, “un verdadeiro tesouro etnográfico”, manifesta. Un texto de 1894 do intelectual e artista galego Rafael Balsa de la Vega que fala das celebracións nas Torres de Figueiroa en honor ao San Roque, coa saída en procesión dun ramo feito cunha enorme rosca de pan de ovo adornada, un certame de regueifa e do lanzamento dun globo de papel lanzado ao mesmo xeito que o que Claudino Pita inventou en Betanzos.
Nas Torres de Figueiroa, inmoble coñecido como a Casa Borrazás, vive o concelleiro Emilio Maceiras –os seus bisavós compraron o lugar aos propietarios, de Ribadeo–, que lamenta varios cambios que fixeron no inmoble os seus antepasados: “Antes a pedra identificaba a pobreza e aquí se regalaron o escudo, unha cruz, tirouse o balcón, que din que era impresionante... cousas contrarias ao sentido común”.
O edil de Economía e Facenda levou “unha enorme alegría” ao coñecer este antigo texto, recoñece.
“Trasladoume ao pasado, porque o tal Bernaldo Borrazás do que fala o artigo sería o meu tataravó. Eu nunca escoitei falar desas festas polo San Roque pero a miña prima si que ten sentido falar do señor Bernaldo. Cando eu era pequeno aquí só se festexaban o Santiago e Santa Eufemia”, di Emilio Maceiras.
Cabe recordar que este pazo foi a Casa do Concello en 1840, durante o mandato do alcalde Ramón Bermúdez de Castro, que era natural da vila de Regla (Cuba) e tiña domicilio en Sorrizo.
Teresa Blanco, veciña de Figueiroa, ten 83 anos e lembra que seus pais e tíos falaban do certame de regueifa que inclúe o texto de Rafael Balsa, “no que participaban”, así como da procesión do ramo coa rosca de pan de ovo. “Meu tío maior falaba da casa do tío Bernaldo e lembro que dicía que ía cantar as regueifas alí. Iso celebrouse varios anos e tivo que ser moi bonito”, apunta Blanco.
A tradición da rosca mantense en Oseiro polo San Brais, un rito co que chaman á prosperidade e no que tamén sacan en procesión un gran pan decorado.