O Concurso de Música Tradicional de Xiradela poderá verse en streaming

O Concurso de Música Tradicional de Xiradela poderá verse en streaming

Co mes de abril chega un ano máis unha nova edición do Concurso de Música Tradicional da Asociación Xuvenil  Xiradela, e trae novidades ligadas aos tempos e ás novas tecnoloxías. Este 2023 a cita alcanza a súa 23ª edición e será a primeira vez que se transmita en streaming e facilitarase así o seguimento das actuacións máis aló do recinto arteixán que o acolle.

 

O concurso celébrase este domingo, 23 de abril, a partir das 10:30 horas pola mañá (categorías B e C) e das 16:30 horas pola tarde (categorías A e C). O Centro Cívico de Arteixo repite como escenario da cita. Nesta ocasión o número de grupos inscritos é de 52 e suman entre todas elas 386 persoas participantes.

 

Arteixo acollerá unha primavera máis o Concurso de Música Tradicional da Asociación Xuvenil Xiradela que suma, con esta, 23 edicións poñendo en valor a música tradicional. As actuacións poderán verse e escoitarse a través da transmisión en liña que se realizará en aberto pola plataforma You Tube.

 

Esta opción sumarase á xa habitual asistencia de público de xeito presencial. Agárdase que, como en anos previos, ao longo do día a afluencia de persoas que acudan a Arteixo a seguir o concurso supere as 1.000 persoas. Familiares, amizades e persoas amantes do folclore tradicional galego irán pasando polo Centro Cívico de Arteixo ao longo da sesión de mañá e na de tarde, para escoitar as 386 persoas participantes. Supéranse así as cifras de inscrición da anterior edición. A entrada a este espectáculo musical é gratuíta, e está aberta a todo o público interesado en acudir ata completar a capacidade. O Concello de Arteixo colabora con este concurso.

 

Neste 2023 son 52 os grupos inscritos nas catro categorías previstas nas bases. Chegan desde as provincias da Coruña e Pontevedra, principalmente, pero cóntase tamén con participación de dúas agrupacións lucenses. En total, 26 asociacións inscribiron formacións nesta 23ª edición do Concurso de Música Tradicional da Asociación Xuvenil Xiradela.

 

Máis de 2.000 euros en premios

Como en edicións previas, haberá catro categorías no concurso que virán determinadas pola media de idade do grupo. Ningún membro do grupo poderá superar en máis de dous anos a idade máxima da categoría:

 

   Categoría A: ata os 10 anos
   Categoría B: de 11 a 13 anos
   Categoría C: de 14 a 17 anos
   Categoría D: de 18 anos en diante

 

As bases recollen os seguintes premios para cada categoría, que no conxunto de todas elas suman 2.400 euros:

 

   1º premio: trofeo e 300 €
   2º premio: trofeo e 200 €
   3º premio: trofeo e 100 €
   Premio ao mellor vestiario en cada categoría: trofeo

 

O xurado será quen determine os grupos que resultan gañadores dos 16 premios do concurso. Segundo recollen as bases, para cualificar o xurado terá en conta:

 

   A autenticidade da peza, que terá que ser tradicional.
   A súa dificultade.
   A afinación e a interpretación.

 

Mentres deliberan os membros do xurado, grupos da escola de música tradicional da A.X. Xiradela, que como é habitual non participan no concurso, levarán a cabo una exhibición.

 

Trátase dun concurso que naceu no ano 2000 coa intención de promover a participación das escolas de música tradicional para que a mocidade puidese ter máis actuacións e relacionarse entre si e facilitar deste xeito o coñecemento da nosa cultura.

 

Listaxe de asociacións con grupos inscritos

Asociación Cultural Donaire
Xacarandaina

EMUF 

Asociación Cultural Agrocovo de Esteiro

A.F Santiaguiños de Boimorto
Agrupación Cultural Xeitura de Esteiro
A.C. Carcaxía
Asociación Cultural Nemeth
Asociación Cultural Peis D'Hos
A.F. Cántigas e agarimos
Amigos da Gaita de Ribadeo
Casa Cultural Artística e Deportiva de Areas
A.C. Abaladeiras de Muxía
C. Adro de Baio
A.C.F. O Fiadeiro
A.R.C.E "Pedras Miudas"
Universidade Popular de Corcubión
Escola de Música e Baile tradicional de Coirós
Asociación Cultural María Soliña
Agrupación Folclórica Folliñas
Ac Osorio Gutierrez de Lourenza
Escolas da Rúa de Vimianzo
ACF Tarambainas
Os Xeitosos de Trazo
Asociación Cultural Retranqueiros
A.C. Punteirolo

O Concurso de Música Tradicional de Xiradela poderá verse en streaming

Te puede interesar