Xunta anunciaba a semana pasada que nos seus orzamentos para o ano 2023 dobraba os seus investimentos na cidade da Coruña e na súa contorna. Iso é certo, e de feito da a razón aos que no 2021 alertábamos de que os fondos destinados á Coruña para o ano actual eran raquíticos.
Mais o problema é que no 2023 non se corrixe o xa tradicional agravio á Coruña nas contas autonómicas. E non se fai porque o orzamento para inversións na Coruña e a súa área é semellante ao aprobado, por citar un exemplo, no ano 2011, hai once anos, pola mesma Administración. Entón o seu presidente cualificaba os orzamentos como “realistas e austeros”. Hoxe, coa mesma cifra, pretenden convencernos de que son xusto o contrario. As cousas, non é preciso recordalo, mudaron moito desde entón. A crise financeira do 2008 supuxo unha merma hai unha década do investimento público autonómico, merma que hoxe se mantén pese a que situación ten cambiado significativamente. Que ten mudado nos últimos once anos?
Hoxe a Xunta conta con 2.000 millóns de euros máis que entón, por iso alardea de que os do 2023 serán os orzamentos máis elevados da súa historia. A cifra permitiría, de haber vontade para iso, que a Administración autonómica promovese a recuperación económica na cidade cunha inxección de fondos públicos. Mais o Goberno galego optou por manter o castigo tanto á Coruña como a outras cidades galegas. É mais, nin tan sequera cumpriron as súas propias previsións de gasto, as que figuran nas contas do 2022: haberá para A Coruña 45 millóns menos dos previstos, sendo o recorte máis relevante o correspondente ás obras do Chuac, para o que a Xunta ía destinar 68 millóns que quedan finalmente en 28, un exiguo 5% do custe total dun hospital que os coruñeses e coruñesas tardarán moitos anos en ver rematado.
Hospital, por certo, que vén xa cun importante retraso, sendo A Coruña a última das cidades galegas nas que a Xunta afronta a necesaria renovación das instalacións sanitarias. Tras dous anos de pandemia e cunha guerra en Europa, a aposta do Goberno galego pola cidade máis importantes de Galicia limítase a unha pasarela que ninguén pediu e a unha zona de baño, sen mellora algunha, un ano máis, na rede de centros públicos de ensino ou nos centros de saúde e, por suposto, sen aportacións para políticas sociais serias, coidado de maiores, axudas á conciliación e un longo etcétera de servizos de competencia autonómica que nin teñen chegado nin se lles agarda.
A Xunta, é certo e así se encargan de repetilo os que a gobernan, contará o ano que vén co maior orzamento da súa historia, pero os coruñeses e as coruñeses non se van beneficiar en nada de tal récord.