O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de interesarse novamente polos danos ocasionados polas obras de mellora do cruce entre a N-VI e a estrada de Ferrol á altura de Guísamo, para eliminar este punto negro de alta sinistralidade.
"En 2023, coas obras iniciadas, a veciñanza comezou a alertar de danos nas súas propiedades como a aparición de fendas, caídas de revestimentos, ou o desprazamento de muros de peche de parcelas ao utilizar determinada maquinaria.
O BNG trasladou ao concello, a empresa e ao Ministerio esta cuestión "mais non obtivo resposta”, indicou o portavoz municipal do BNG, David Carro.
Ademais, a veciñanza tamén alerta de que a nova configuración fai que resulte perigoso saír das súas propiedades. "Moitos vehículos utilizan o carril de servizo como atallo para non pasar pola rotonda, circulando por este carril a excesiva velocidade, o que dificulta e converte nun perigo a saída das vivendas. Desde o BNG demandamos que se poña solución a esta situación", expuxo Carro.
"Coas obras case rematadas a veciñanza segue sen resposta, o que xera un gran malestar nos veciños e veciñas. Unicamente a empresa realizou algunha comprobación, mais non garantiu que as súas propiedades queden no mesmo estado que estaban antes de dar comezo a obra", expuxo o deputado Néstor Rego.
"Demandamos do Ministerio que non dea a calada por resposta e solucione esta situación. Entendemos que estas obras son imprescindíbeis para mellorar a seguridade viaria nunha zona moi perigosa, pero iso non pode ser a costa do benestar da veciñanza de Guísamo”, concluíu Rego.