Os bombeiros do parque Comarcal de Betanzos recibiron este sábado ás 19.30 horas o aviso de que se producira un accidente na DP-0905, á altura da parroquia de Quintas, no concello de Paderne.
No suceso víronse implicados dous vehículos que sufriran un choque lateral. Nun dos automóbiles viaxaba un pasaxeiro e no outro había dous ocupantes.
Durante a intervención, os efectivos procederon a regular o tráfico, xa que os vehículos invadían o carril en dirección Betanzos, realizaron a desconexión de baterías e procederon, por último a limpar a estrada unha vez retirados os coches. Os ocupantes foron trasladados ao centro hospitalario.
Ademais dos bombeiros, na intervención actuaron tamén a Garda Civil e dúas ambulancias do 061.