Reportaxe | Betanzos reivindica o seu vínculo coa ‘Crónica Troiana’ no seu 650 aniversario

Reportaxe | Betanzos reivindica o seu vínculo coa ‘Crónica Troiana’ no seu 650 aniversario
A proposta plantexa instalar un elemento conmemorativo na contorna de San Francisco | AEC

Moitos dos capítulos da historia de Galicia pasan por Betanzos. Unha das antigas capitais que, con motivo do seu oitavo centenario, amosou ao mundo algúns dos seus secretos e confirmou que, tendo en conta a súa relevancia noutros séculos, non pode sorprender que case cada ano celebre unha ou varias efemérides, desde ese 800 aniversario de 2019 ao 100 da Casa Núñez ou de Pai Menni deste 2022. 


Agora, o Pleno de Betanzos aprobou por unanimidade a proposta do BNG, celebrar o 650 aniversario do remate da Crónica Troiana cunha axenda cultural  específica para poñer en valor esta efeméride, os autores e contexto e a propia obra, divulgándoa entre os veciños da cidade e de toda a área de As Mariñas. 
 

“Crónica Troiana, que a día de hoxe é a obra literaria en prosa medieval galega máis extensa que se conserva”, expuso a voceira nacionalista, Amelia Sánchez. Pero, por que debe celebrarse Betanzos?  “O seu tradutor e escribán foi Fernán Martíns, capelán de Fernán Pérez de Andrade, o Bo, que legou así para Galiza, ademais das mellores mostras do gótico galego, a cimeira da literatura medieval en prosa na nosa lingua”, engadiu Sánchez. 
 

Deste xeito, o vínculo desta obra coa cidade do Mandeo é obvio, xa que a residencia habitual de Fernán Pérez de Andrade era en Betanzos, polo que é probábel que o seu capelán e conselleiro, Fernán Martíns, tamén residise en Betanzos.  “O códice da Crónica Troiana ten 185 follas de pergamiño escritas a unha única columna, con letra francesa visiblemente de varias mans, sendo a parte principal da propia man de Fernán Martíns, que como deixa escrito foi o redactor da obra”, explicou a edil do BNG.
É o capelán de Andrade quen anota que a obra remata o 20 de xaneiro de 1373, polo que “cúmprense 650 anos” neste 2023.

 

San Francisco

Actualmente a Crónica Troiana está na Biblioteca Nacional en Madrid e, neste sentido, na mesma sesión tamén se acordou demandar á Administración Xeral do Estado a súa devolución e instar ao Parlamento de Galicia a tramitar idéntica reivindicación diante do Goberno de España. 


Os nacionalistas insistiron en que “esta obra é un monumento da nosa literatura nacional na Idade Media” e por iso pediron tamén ao Executivo de María Barral que difunda a súa importancia entre a veciñanza, “instalando un elemento conmemorativo no entorno do convento de San Francisco sinalando a redacción da Crónica Troiana e o seu significado para a nosa literatura nacional”, continuou a exposición da concelleira Amelia Sánchez. 

Reportaxe | Betanzos reivindica o seu vínculo coa ‘Crónica Troiana’ no seu 650 aniversario

Te puede interesar