A campaña de compostaxe doméstica impulsada polo Consorcio As Mariñas continúa sumando participantes. O pasado 20 de marzo realizouse unha nova entrega de composteiros no Local Social de Anceis, en Cambre, onde 20 veciños e veciñas se incorporaron a esta iniciativa de autoxestión dos biorresiduos. Con esta nova entrega, xa son máis de 100 os fogares de Cambre que están a compostar.
Desde o inicio da campaña en decembro de 2024, máis de 1.000 persoas solicitaron un composteiro en toda a área do Consorcio, e 650 fogares xa están a empregar este sistema de compostaxe doméstica, reducindo así o volume de residuos orgánicos e contribuíndo á economía circular.
Durante estas semanas, o Consorcio As Mariñas está a desenvolver novas charlas formativas nos diferentes concellos que o integran, dirixidas a persoas con interese en xestionar os seus restos orgánicos de maneira sostible. A campaña está especialmente pensada para fogares que dispoñan dun pequeno terreo (xardín, horta ou similar), e que queiran iniciarse na compostaxe doméstica.
Nas sesións, ademais de explicar os principios básicos da compostaxe, entrégase de balde un kit completo de autocompostaxe, que inclúe un composteiro de uso doméstico, un aireador, un termómetro e unha peneira. A participación é gratuíta e non require inscrición previa, aínda que se recomenda formalizala a través da web para axilizar a entrega do material.
As próximas charlas informativas e entregas de material terán lugar nos seguintes municipios: Carral (25 de marzo, ás 19:00 h no Local Social de San Vicente de Vigo), Abegondo (26 de marzo, ás 19:00 h na Aula da Natureza), Culleredo (1 de abril, ás 19:30 h no Local Social O Noso Lar), Bergondo (2 de abril, ás 19:00 h no Local Social Antonia Pato Pardo en Ouces) e Oleiros (3 de abril, ás 20:00 h na Casa do Pobo de Nós). As sesións previstas en Betanzos e Sada están pendentes de data.
As persoas que non poidan acudir ás sesións formativas tamén teñen a opción de recoller o material directamente na sede do Consorcio, situada en Bergondo. Aínda así, recoméndase asistir ás charlas, xa que nelas explícanse aspectos clave para un bo funcionamento do composteiro e resolven dúbidas habituais sobre o proceso de compostaxe.
As persoas interesadas poden consultar toda a información actualizada na páxina web do Consorcio: https://www.consorcioam.org/gl/, inscribirse directamente en https://consorcioam.rsu.gal, ou contactar a través do teléfono 981 784 704 e do correoelectrónico info@consorcioam.org.
Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.