Cambre atravesa un momento complicado, según indica o seu alcalde, Óscar García Patiño. Unha situación que tratan de solucionar canto antes e para o que non desbotan acudir a unha asesoría externa.
Que balance fai destes cen primeiros días?
O Concello de Cambre atópase nunha situación de bloqueo polo cambio de criterio adoptado desde a chegada das dúas habilitadas nacionais de Secretaría e Intervención. Como alcalde, paréceme vergoñento ter que investir tempo en solucionar esta parálise e non en resolver os verdadeiros problemas dos veciños, pero continuaremos traballando para buscar unha solución. Temos un compromiso coa veciñanza e queremos cumprilo. Para iso, estamos valorando a posibilidade de dispor dun servizo de asesoría xurídica externa que nos permita abrir novas vías para contratar máis persoal.
Como funciona a engrenaxe co PSOE tras un novo pacto?
Como nos dous últimos mandatos. Hai unhas liñas ideolóxicas e un obxectivo común: seguir mellorando Cambre e ofrecendo máis e mellores servizos.
Cales son os proxectos sobre os que xirarán estes catro anos?
Temos que dar cumprimento a demandas históricas como a instalación da rede de saneamento en boa parte de Cambre. Esa é unha das prioridades, como seguir dando pasos para sacar adiante o PXOM. Un documento esencial para garantir o futuro de Cambre. Outro dos obxectivos é contar cun espazo para eventos culturais e cremos a antiga sala de festas O Graxal é o lugar idóneo. Continuaremos traballando para abrir a nova sala de usos múltiples, que se complementará coa biblioteca María Pita e conformará a nova Casa da Cultura.
Que obxectivos se marca para Cambre no que, dixo, será o seu último mandato?
Díxeno e aínda o manteño. Unión por Cambre é un partido dos veciños e tamén para os veciños, e por iso podo dicir que calquera dos meus compañeiros e compañeiras de grupo vai mirar polos intereses do municipio. O meu obxectivo é o mesmo de sempre: seguir mellorando os servizos e infraestruturas para a cidadanía e facer que Cambre medre.